Cores Tourís visita as melloras executadas pola empresa Conservas de Cambados grazas ás axudas da Consellería de Mar ao sector transformador

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que máis de 55 proxectos en pemes de Industrias de Transformación beneficiaranse en Galicia de 11,5 millóns de euros para mellorar as súas instalacións este ano e no 2020, deles, 36 se atopan na provincia de Pontevedra

A firma de Ribadumia obtivo dúas axudas de 248.000 euros coas que puido construír unha segunda nave e optimizar diversos proxectos de transformación

Ribadumia (Pontevedra), 12 de setembro de 2019

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a empresa Conservas de Cambados que foi beneficiaria de dúas axudas que a Consellería de Mar aporta para a transformación de produtos do mar por un montante total de 248.000 euros.

Deste xeito, Cores Tourís destacou que máis de 55 proxectos en pemes de Industrias de Transformación beneficiaranse en Galicia de 11,5 millóns de euros para mellorar as súas instalacións este ano e no 2020, deles, 36 se atopan na provincia de Pontevedra.

Tal e como recordou o delegado territorial, o Consello da Xunta analizou a pasada semana un informe sobre a resolución da convocatoria de 2019 de estas axudas para investimentos en pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura no que se detalla a aprobación de 55 solicitudes por un importe de preto de 11,6 millóns de euros. Na provincia de Pontevedra foron un total de 36 as solicitudes aprobadas. “Estas achegas permitirán acometer melloras como a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos nas plantas de transformación de produtos do mar e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras”, explicou Cores Tourís.

Os beneficiarios destas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), son pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura que realizan investimentos que contribúen a, entre outras cuestións, aforrar enerxía, mellorar a seguridade, optimizar os procesos de transformación e contar con novos produtos e procesos ou mellores sistemas de xestión.

As achegas aprobadas no marco da convocatoria de 2019 teñen como destino proxectos que se desenvolven tanto este ano como o próximo, co que o investimento se reparte nesas dúas anualidades, con 5,4 millóns de euros para este ano e algo máis de 6,1 millóns para 2020. Estas axudas xerarán un investimento total de máis de 26 millóns de euros na comunidade autónoma.

O obxectivo desta liña de axudas é que o sector transformador dos produtos do mar poida mellorar a súa eficiencia enerxética, reduza o impacto no medio ambiente, promova a innovación e mellore a súas condicións de traballo e seguridade, o que contribúe a incrementar a súa competitividade e mellorar os seus resultados económicos.

Conservas de Cambados

José Manuel Cores Tourís engadiu que nas convocatorias de 2016, 2017 e 2018 desta orde de axudas beneficiáronse preto de 130 proxectos de pemes de transformación de produtos do mar por valor de máis de máis de 30,7 millóns de euros. A través delas, subvencionáronse, entre outros proxectos, algúns relacionados coa posta en marcha de industrias de procesado de peixe, con equipamentos para a mellora dos procesos de transformación, coa innovación no ámbito de novos e mellores procesos, coa mellora no tratamento de residuos e o aforro enerxético.

Este foi o caso de Conservas de Cambados, que levou a cabo, grazas a estas axudas, dous proxectos de mellora, un destinado á construción dunha nova nave para mellora do proceso produtivo de moluscos, na que se investiron case 345.200 euros (dos cales 147.088 foron aportados pola Consellería de Mar), e outra relativa a mellorar o propio proceso produtivo, coa compra dunha máquina separadora de vianda de mexillón por salmoira, dun vibrador separador de bivalvos cocidos e dunha desvisadora para mexillón, por un importe total de 201.300 euros (cunha axuda de 100.645 euros).

Esta empresa, situada en Ribadumia, conta cun total de 50 traballadores, aínda que en campaña chega ata os 80, e con dúas naves, unha de 4.500 metros cadrados e outra de 600. A súa facturación anual rolda os 12 millóns de euros e exporta o 70% dos seus produtos, na súa maioría, a Cuba, aínda que tamén a outros lugares como Estados Unidos, Australia ou Europa.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 12/09/2019