A Xunta autoriza un novo ciclo superior de FP Dual en Estilismo e Dirección de Peiteado, que se impartirá no IES A Pinguela de Monforte de Lemos

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que hai 13 persoas inscritas para este curso e sinalou que o alumnado complementará a formación académica coa actividade laboral remunerada en empresas

O ciclo oferta un total de 17 prazas e neste momento está aberto o prazo de matrícula

Monforte de Lemos (Lugo), 12 de setembro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional autorizou ao Instituto de Ensino Secundario A Pinguela de Monforte de Lemos a posta en marcha dun novo ciclo superior de Formación Profesional Dual en Estilismo e Dirección de Peiteado, que conta con 13 persoas inscritas para este curso. O ciclo oferta en total 17 prazas e neste momento o prazo de matrícula está aberto.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a novidade principal radica no feito de que o alumnado complementará a formación académica alternándoa coa actividade laboral nunha decena de empresas colaboradoras que decidiron sumarse ao proxecto. Ao longo deste proceso, os estudantes recibirán unha remuneración desde o inicio do seu período de permanencia nas empresas.

A competencia xeral do título de técnico superior en Estilismo e Dirección de Peiteado consiste en dirixir e supervisar o desenvolvemento dos servizos de peiteado, planificar e realizar tratamentos capilares estéticos e deseñar estilismos de cambio de imaxe, respectando criterios de calidade, seguridade, respecto polo ambiente e deseño universal.

A oferta de FP do IES da Pinguela complétase este curso con oito ciclos adicionais. En réxime diúrno impartirase a FP Básica en Servizos Administrativos; catro ciclos medios -de Peiteado e Cosmética Capilar, de Estética e Beleza, de Xestión Administrativa e de Sistemas Microinformáticos e Redes-; e dous ciclos superiores -de Administración e Finanzas e o novo de Estilismo e Dirección de Peiteado-. En réxime vespertino ofértase o ciclo superior de Desenvolvemento de Aplicacións Web e en horario nocturno o Ciclo Superior de Asistencia á Dirección. Neste centro tamén se imparte formación en Educación Secundaria Obrigatoria e en Bacharelato.

Único instituto galego cun planetario, que recibe visitas guiadas

O IES A Pinguela conta entre os seus recursos educativos co único planetario presente nun instituto galego, unha estación meteorolóxica e un xardín botánico. Os dous primeiros forman parte do proxecto Mira ao Ceo.

O planetario recibe visitas guiadas previa solicitude, nas que poden participar grupos de entre 20 e 30 alumnos. A actividade dura uns 60 minutos, durante os que se afonda no coñecemento da astronomía.

Por outra banda, o IES conta dende o ano 1987 cun xardín botánico con especies autóctonas, a maioría delas levadas e plantadas polo propio alumnado e o profesorado ou facilitadas por distintas persoas que coñecen o labor do centro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019