O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe as instalacións desta entidade
A Xunta de Galicia gaba o traballo de Esther Seoane á fronte da Cociña Económica de Santiago de Compostela

Deixa o cargo tras dez anos axudando a aqueles que máis o precisan

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2019

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, gabou o traballo realizado por Esther Seoane á fronte da Cociña Económica de Santiago de Compostela. Fíxoo esta tarde durante a súa visita ás instalacións desta entidade, cuxa labor se centra en atender a aquelas persoas que se encontran nunha situación de vulnerabilidade.

Arturo Parrado salientou o gran labor que desenvolveu durante todo este tempo Esther Seoane, a quen considera “unha persoa xenerosa e responsable que contribuíu a facer da Cociña Económica unha entidade referencia en Galicia”. Tamén quixo agradecer o incansable esforzo da xunta directiva, así como dos traballadores e voluntarios que a diario atenden ás persoas que alí acoden.

Ademais, asegurou que a Xunta de Galicia seguirá colaborando con esta entidade co obxectivo de seguir a avanzar na atención a aqueles que máis o necesitan. Neste sentido, desexoulle “toda a sorte” á persoa encargada de facerse cargo da dirección deste centro social

Así, o director xeral de inclusión social recordou que o Goberno galego destinou a esta institución para o período 2018-2020 preto de 270.000 euros, un importe que servirá para o mantemento do comedor social, a adquisición de equipamento e a realización de obras no centro.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2019