Medio Ambiente invita aos municipios a poñer en práctica o concepto ‘multierre’ nas súas infraestruturas e dotacións e converterse en concellos sustentables, como Sanxenxo

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda supervisou, xunto co alcalde da localidade, as políticas medio ambientais e de turismo sostible que iniciou este concello, que hoxe é un bo exemplo de municipio turístico sostible

Ángeles Vázquez destaca medidas como a reorganización dos contedores de residuos no casco urbano ou mellorar a súa distribución e reagrupación para facilitar a separación e reciclaxe dos residuos instalando nun mesmo punto os diferentes contedores

Recorda que este esforzo pola reciclaxe ten recompensa para os veciños na factura do lixo, xa que coa bonificación do 10% do canon de Sogama 1,8 millóns de galegos deixarán de pagar 4,7 millóns de euros

Sanxenxo (Pontevedra), 13 de setembro de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, animou esta mañá aos concellos galegos a poñer en práctica o concepto “multierre”, como repensar, reciclar, reutilizar..., nas infraestruturas e dotacións de titularidade municipal e converterse nun municipio sustentable, como é o caso do Concello de Sanxenxo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe o Concello de Sanxenxo, onde coñeceu de primeira man as políticas ambientais e de turismo sostible que se están levando a cabo neste concello que é o municipio de España con maior número de bandeiras azuis para as súas praias e, sen dúbida, unha mostra de municipio turístico sostible.

A modo de exemplo, citou a reorganización dos contedores de residuos no casco urbano, mellorando a distribución e reagrupación dos mesmos, creando novas illas e potenciando as existentes para concentrar nun só punto os distintos tipos de contedores e facilitar e favorecer a reciclaxe, pois os veciños poden separar e reciclar os residuos tendo nun mesmo punto os diferentes contedores.

Facilitar e achegar as infraestruturas aos cidadáns é un aspecto clave para mellorar a xestión dos residuos e, nese sentido, destacou unha medida posta en marcha polo departamento que dirixe: as axudas para a adquisición de puntos móbiles; á que se acolleu Sanxenxo e se beneficiou dunha achega de 150.000 euros para a adquisición desta infraestrutura, cuxo contrato na actualidade está en fase de licitación ata o vindeiro 18 de setembro, data na que se pecha o prazo para a presentación de ofertas. “Un novo servizo que permitirá aumentar a recollida selectiva en eventos con gran afluencia de público”, citou como exemplo a conselleira.

Salientou que cando este equipamento entre en funcionamento, aumentarase a recollida selectiva de residuos non convencionais como fluorescentes, pequenos electrodomésticos, pilas ou baterías, ademais de poder reforzar a recollida selectiva de outros materiais como os restos de poda.

Tamén destacou o investimento de 20.000 euros para a adquisición de contedores de envases lixeiros e de papel cartón, así como as campañas de sensibilización e xornadas informativas en materia de xestión de residuos e reciclaxe en centros escolares e festas populares, ao redor dunha ducia de actividades no último ano.

Por outra banda, a conselleira salientou que este esforzo pola reciclaxe tamén ten a súa recompensa para os veciños que pagarán menos na súa factura do lixo, xa que se beneficiarán de bonificación do 10% do canon de Sogama, grazas á decisión do Concello de Sanxenxo de adherirse a esta bonificación, que representa un aforro de 4,7 millóns de euros no conxunto de Galicia e un beneficio para máis de 1,8 millóns de galegos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2019