O presidente Feijóo presidiu a sinatura do convenio entre a FAO e a Consellería de Política Social
A Xunta e a Fundación Amancio Ortega colaborarán para poñer en marcha sete novos Centros Públicos de Atención Integral ás Persoas Maiores nas principais cidades de Galicia

A FAO asumirá de maneira directa a construción dos inmobles e a dotación do equipamento necesario para o inicio da súa actividade, cun investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros

Os sete Centros Públicos de Atención Integral ás Persoas Maiores, que se integrarán na rede pública autonómica, ofrecerán 900 prazas residenciais e crearán máis de 800 empregos directos

Feijóo gaba o compromiso social da FAO e avanza que as residencias, que serán as mellores de Europa, “ofrecerán unha atención asistencial con vocación de excelencia”, nuns edificios deseñados polo estudio galego Elsa Urquijo Arquitectos

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e a Fundación Amancio Ortega (FAO), co obxectivo de poñer en marcha sete novos Centros Públicos de Atención Integral ás Persoas Maiores. Asinaron o documento a vicepresidenta primeira da FAO, Flora Pérez Marcote, e a conselleira da área, Fabiola García.

A Fundación Amancio Ortega levará a cabo e financiará de xeito íntegro a construción dos sete inmobles, así como o seu equipamento completo, cun investimento inicialmente estimado en 90 millóns de euros, converténdose no maior proxecto singular da historia da entidade. Tal e como salientou Feijóo, “o mecenado desta institución permite descargar ás arcas públicas dun importante investimento, cuxa contía seguirá encadrada no ámbito social, pero poderá reorientarse a outros fins”.

Os sete Centros Públicos de Atención Integral ás Persoas Maiores incorporaranse á rede pública autonómica. En total, ofrecerán 900 prazas residenciais: 150 en Vigo e na Coruña e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. O seu funcionamento diario permitirá a creación de máis de 800 empregos directos no sector da atención aos maiores.

Atención ás persoas maiores para a década de 2020

Feijóo gabou o compromiso social da Fundación Amancio Ortega, que xa financiou a construción de seis escolas infantís públicas, dous centros interxeracionais en Ourense e Arteixo, e a nova sede da Real Institución Benéfico-Social Padre Rubinos na Coruña, e fixo importantes doazóns á diagnose e tratamento do cancro nos hospitais públicos, entre outras actuacións. A colaboración entre a FAO e a Xunta é “unha mostra da vocación altruísta que late no seo da sociedade galega, tanto no sector público como nas súas entidades privadas”, indicou.

Referíndose ás sete futuras residencias públicas, o presidente do Goberno galego apuntou que “ofrecerán unha atención asistencial con vocación de excelencia”, que as levará a ser as mellores de Europa, nuns edificios deseñados polo estudio galego Elsa Urquijo Arquitectos. “A atención ás persoas maiores de Galicia dá un paso máis na procura da excelencia e demostra que está preparada para abordar os retos da década de 2020”, subliñou.

O vicepresidente executivo da Fundación Amancio Ortega, José Arnau, agradeceu en nome da institución a confianza depositada nela, e subliñou a importancia de colaborar co maior esforzo posible para mellorar a calidade de vida dos nosos maiores.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social enmarcou esta nova colaboración dentro da aposta que está a facer Galicia para ampliar e modernizar a rede pública de atención ás persoas maiores. As 900 novas prazas que se crearán nas sete principais cidades de Galicia contarán con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias. Fabiola García lembrou que, os últimos 10 anos, a comunidade autónoma incrementou un 42% o número de prazas públicas para maiores, ata chegar ás 8.000.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2019