A Xunta impulsa unha nova empresa de asistencia sociosanitaria para persoas maiores en Burela, achegando 51.200 euros ao proxecto

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, visitou o centro, beneficiario dunha axuda da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Lembrou que está aberta unha nova convocatoria do programa Galicia Emprende e o prazo de presentación de solicitudes finaliza o 18 de outubro

Burela (Lugo), 13 de setembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa unha nova empresa de servizos sociosanitarios para persoas maiores en Burela, beneficiaria dunha axuda de 51.200 euros a través do programa Galicia Emprende que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe as instalacións de Coidando de vós, centro que puxeron en marcha as emprendedoras Yovanna e Margot Eijo Méndez e que inclúe prestacións como transporte, fisioterapia, podoloxía, peiteado e atención á saúde. A achega concedida pola consellería acadou o 30% do investimento subvencionable, a porcentaxe máxima prevista para a creación de pequenas e medianas empresas.

Balseiro gabou a iniciativa, “que amplía o abano de servizos para persoas maiores na comarca da Mariña, ao tempo que crea postos de traballo”, e lembrou que este é precisamente o obxectivo de Galicia Emprende, “a promoción do espírito empresarial e a creación de novas empresas”.

O delegado explicou que está aberta unha nova convocatoria deste programa -a segunda neste ano- e o prazo para presentar solicitudes remata o 18 de outubro. Serán subvencionables os proxectos de creación de pequenas e medianas empresas por novos emprendedores, así como os proxectos de investimento para a ampliación de pequenas e medianas empresas xa creadas que cumpran os requisitos para seren consideradas nova peme.

As achegas poden destinarse a obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións, equipamento, mobiliario ou labores de investigación e desenvolvemento, entre outros aspectos, e están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/09/2019