A exposición da Xunta sobre artesanía 'Pensar coas mans' recibiu preto de 30.000 visitantes durante a súa exhibición no Museo Gaiás

Unhas 2.500 persoas participaron nas visitas comentadas de balde coas que se contaba de martes a domingo, das cales 1.500 foron escolares de centros de ensino

A mostra dinamizouse con obradoiros de artesanía, visitas comentadas á noitiña e campamentos urbanos para a cativada con máis de 700 asistentes a todos eles

‘Pensar coas mans’ estivo composta por 250 pezas de cestería, cerámica e xoiería, aportadas por 65 artesáns, 14 museos e 10 coleccionistas

A exposición permitiu ver xuntas creacións de artesáns que están triunfando como Idoia Cuesta e Xabier Toubes ou de firmas como Cerámica Suve ou Ojea Estudio

A Fundación Pública de Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboraron na mostra, que tamén exhibiu pezas do alumnado das escolas de Arte e Superior de Deseño ‘Mestre Mateo’ de Santiago e ‘Ramón Falcón’ de Lugo

A nova oferta expositiva do Museo Gaiás completarase con ‘Argallar’ e ‘Galicia, un relato no mundo’, a primeira das tres grandes mostras do programa Xacobeo 2021

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2019

A exposición da Xunta Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia chegou á súa fin na Cidade da Cultura, tras ter recibido preto de 30.000 persoas desde a súa apertura o 12 de abril, das cales 2.500 foron a través das visitas comentadas de balde que ofrece o Museo Centro Gaiás de martes a domingo, e máis de 1.500 foron escolares provenientes de centros galegos de ensino.

Pensar coas mans tamén se converteu nunha exposición viva e dinámica con preto de 30 obradoiros e demostracións in situ de creacións de artesanía durante as fins de semana, un campamento urbano para a cativada no verán e visitas comentadas e exclusivas á noitiña con música e petiscos, entre finais de agosto e principios de setembro. Nestas actividades organizadas participaron máis de 700 persoas.

Todos eles puideron coñecer polo miúdo a mostra máis ampla ata o momento da Xunta de Galicia sobre artesanía galega, xa que estivo composta por 250 pezas, aportadas por 65 artesáns, 14 museos e 10 coleccionistas para facer un percorrido por estes oficios desde a Idade de Ferro á actualidade, co obxecto de pór en valor a calidade e proxección da artesanía galega.

Este proxecto da Cidade da Cultura de Galicia, comisariado por Verónica Santos Farto, contou coa colaboración da Fundación Pública de Artesanía de Galicia e a Secretaría Xeral de Igualdade. Tamén participaron escolas as de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e Ramón Falcón de Lugo, xa que algunhas das pezas que puideron verse na mostra eran creacións do seu alumnado, para amosar así o futuro e relevo xeracional destas profesións moi ligadas en Galicia ao proceso artesanal e ao feito a man.

Artesáns e artesás de prestixio internacional

A mostra procurou reivindicar a necesidade de manter vivos oficios que corren perigo de desaparecer e dirixiu a atención cara ao recoñecemento que están a obter artesáns e artesás galegos. Así o acredita o interese que espertan entre publicacións especializadas, marcas internacionais como Loewe, chefs con estrelas Michelin ou a presenza dos seus traballos en feiras como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair.

Parte do éxito de Pensar coas mans tamén estivo no feito de que permitiu admirar xuntas pezas de autores ou talleres de renome internacional como foi Idoia Cuesta, cuxa innovación na cestería espertou o interese de firmas como Loewe, coa que colaborou; ou de Ojea Studio e Cerámica Suve, cuxas vaixelas son empregadas na alta cociña de chefs como Pepe Solla, Pepe Vieira ou Carme Ruscalleda; ou Madriguera Workshop, que viña de participar na Maison & Objet de París, feira internacional de referencia no eido da decoración.

Non entanto, a exposición non só fotografou o estado actual da artesanía galega, senón que viaxou ao pasado ata chegar á Prehistoria, con achados e pezas nos que se amosaron creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, prestando especial atención á rica e prolífica tipoloxía de obxectos tradicionais en cestería, cerámica e xoiería.

A cerámica tamén contou cunha especial presenza na mostra, xa que a escolma dos artistas cerámicos estivo presidida polo galego Xabier Toubes, un dos seus máximos representantes, quen dirixiu durante anos o European Ceramic Work Centre de Holanda. Así mesmo, completaron este desfile recoñecidos xoieiros como Marta Armada, Susi Gesto ou Noroeste Obradoiro, entre outros.

Intervención de Izaskun Chinchilla

Estas pezas exhibíronse en catro cúpulas xigantes deseñadas pola arquitecta Izaskun Chinchilla, recoñecida polo seu compromiso coa sustentabilidade e que se inspirou na obra As sete lámpadas da arquitectura de John Ruskin, obra clave dun dos defensores históricos da artesanía no movemento arts&crafts. A partir deste marco conceptual, Chinchilla procurou que a montaxe transmitise unha visión da artesanía no século XXI. Seguindo esta idea, os visitantes de Pensar coas mans foron recibidos cunha cúpula construída con corenta cestas de madeira de castiñeiro fabricadas por Enrique Táboas, último cesteiro galego que domina a técnica da cestería de verga e que emprega material recollido nos montes próximos a onde reside. Esta lámpada acolleu no seu interior pezas contemporáneas de cerámica.

Noutra lámpada, Chinchilla empregou cen pratos deseñados por O Rulo, artesán de referencia en Buño, que serviu para mostrar as pezas de xoiería contemporánea. As pezas de cestería exhibíronse noutra estrutura-lámpada. Por último, existiu unha cuarta estrutura -fabricada a base de espellos- na que tiveron lugar os obradoiros.

‘Argallar’ e ‘Galicia, un relato no mundo’

Tras o peche desta exposición, o Museo Centro Gaiás inaugurou onte, Argallar, unha mostra pensada para que cativada e familias se acheguen á arquitectura a través do xogo. Deste xeito, ofrecerá diferentes figuras xeométricas que convidarán á interacción e á construción, unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes.

En novembro completarase esta oferta expositiva da Cidade da Cultura con Galicia, un relato no mundo. Trátase da primeira grande exposición internacional do Xacobeo 2021, un proxecto que aborda as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo desde a prehistoria ata a actualidade e na que se poderán contemplar obras que nunca antes se exhibiron na nosa comunidade, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2019