Un total de 30 centros de ensino poderán sumarse o vindeiro curso ao programa 'Club de Ciencia'

No curso 2018/19 participaron nesta iniciativa 91 centros, que terán continuidade na mesma

A Consellería de Educación acaba de convocar tamén os premios ‘Desafíos STEM’

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, vén de convocar a selección de 30 novos centros docentes públicos para sumarse ao programa de innovación educativa Club de Ciencia durante o curso 2019/20. Os 91 centros que participaron no curso 2018/19 verán tamén prorrogada a súa continuidade neste programa.

Así mesmo a Consellería vén de convocar a terceira edición dos premios Desafíos STEM: programación, robótica e impresión 3D, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado nos centros cos materiais e a formación recibida nestes ámbitos.

Club de Ciencia

O obxectivo do Club de Ciencia – que forma parte da Estratexia galega para a educación dixital, Edudixital 2020– é estimular o espírito científico entre o alumnado galego ao tempo que impulsar as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) cara a estudos posteriores nos campos de coñecemento do ámbito científico tecnolóxico.

Para iso, funciona como un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación onde os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que podan dar resposta ás súas curiosidades, aos seus intereses e resolver problemas. Deberá estar formado por un ou máis docentes de calquera especialidade e alumnado de educación primaria, secundaria obrigatoria ou bacharelato. Un dos docentes actuará como coordinador do club.

Cada centro docente seleccionado para desenvolver un Club de Ciencia recibirá unha achega económica de 1.250 €. O importe máximo da convocatoria, que conta tamén con orzamento para a continuidade dos centros implicados no curso que acaba de rematar, ascende a 151.250 €.

As actividades vencelladas a este programa desenvolveranse fóra do horario lectivo do alumnado nos espazos que se consideren ou habiliten do centro docente, cun mínimo de catro horas ao mes.

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. A solicitude e documentación débese presentar en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de novembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Ademais, remitirase ao correo electrónico clubdeciencia@edu.xunta.gal. O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 30 de setembro de 2019.

Este é o cuarto ano consecutivo que se pon en marcha esta iniciativa, que naceu como experiencia piloto no curso 2016/17 con 9 centros e que se ampliou a 29 centros no 2017/18 e a 91 centros de ensino público no 2018/19.

Desafíos STEM

Os proxectos que se presenten aos premios Desafíos STEM deberán estar elaborados enteiramente polo alumnado coa dotación que a Consellería realizou aos centros públicos de ensino non universitario dende o curso 2016/17, tales como equipamento de robótica educativa, placas de Comunicación e Programación e equipo de Impresión 3D.

Para empregalos, o alumnado conta cos coñecementos específicos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) presentes nas aulas galegas a través das distintas materias troncais, específicas e máis concretamente nas materias de libre configuración autonómica de Programación para a educación secundaria obrigatoria e Robótica para bacharelato.

Poderán presentar solicitudes aqueles centros docentes públicos de ensino non universitario que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria ou bacharelato. Cada centro presentará ata un máximo de 6 equipos, configurados por un mínimo de 3 alumnos e un máximo de 6. O anexo de solicitude e a documentación de cada proxecto STEM remitirase ao correo electrónico desafiostem@edu.xunta.gal, antes do 30 de setembro de 2019.

O curso pasado participaron nesta convocatoria, enmarcada na Estratexia Galega para a Educación Dixital, Edudixital 2020, un total de 11 centros educativos.

Categorías e Desafíos

A convocatoria establece dúas categorías. A primeira delas, STEM iniciación, para proxectos sinxelos realizados por alumnado de iniciación, vai dirixida ao alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO, FP Básica ou Programa de Mellora da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR). A segunda, STEM afondamento, para proxectos máis complexo, será para o alumnado de 4º ESO, 1º ou 2º bacharelato.

En cada categoría, cada proxecto poderá presentarse ao Desafío Robots, ao Desafío Programación ou ao Desafío Impresión 3D. Cada proxecto debe presentarse a unha única categoría e un, varios ou todos os desafíos que se propoñen.

O Desafío Robots consistirá nun proxecto no que nun escenario un ou varios robots realizan determinadas accións ou tarefas encamiñadas a dar solución a unha situación que teña aplicación na realidade da vida diaria, da industria etc; mentres que a Programación será arredor dun proxecto tecnolóxico que dea solución a unha necesidade concreta onde se utilicen linguaxes de programación.

Pola súa banda en Desafío Impresión 3D presentaranse proxectos tecnolóxicos onde se utilice unha impresora 3D para o deseño e construción de todas ou parte das pezas da maqueta.

Haberá 6 premios, un por cada desafío e categoría de 2.000 euros cada un para o centro docente do equipo gañador. Ademais, a persoa titora de cada equipo gañador recibirá da consellería unha certificación como 1º premio de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/09/2019