Máis de 3.000 persoas participaron este verán no programa de consumo responsable da Xunta 'LecerConsumo'

A iniciativa desenvolveuse ao longo dos meses de xullo e agosto en 45 concellos galegos, sendo as actividades máis demandadas as dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos

O obxectivo desta iniciativa é achegar de forma lúdica os conceptos básicos de consumo responsable e do lecer a través de diferentes actividades

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2019

Máis de 3.000 persoas de 45 concellos galegos participaron este verán no programa de consumo responsable da Xunta LecerConsumo, que se desenvolveu nos meses de xullo e agosto baixo o lema Este verán súmate ao consumo responsable e san!

LecerConsumo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, está dirixido ao conxunto da poboación galega en xeral e, en concreto, a aqueles colectivos que realizan ou organizan algún tipo de actividade formativa durante o período estival. O obxectivo desta iniciativa é achegar de forma lúdica os conceptos básicos de consumo responsable e do lecer a través de diferentes actividades, deseñando unha oferta formativa adaptada ás necesidades de cada colectivo destinatario, na procura de dar resposta aos intereses e inquedanzas de cada un deles.

Así, o programa consta de diferentes actividades segundo as idades e os intereses do grupo ao que se orienta. As actividades máis demandadas este verán foron: Xogueteando: un lecer diferente!, para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, e A xincana do consumo activo e divertido!, orientada a rapaces e rapazas de entre 7 e 12 anos.

LecerConsumo forma parte das diferentes actividades de formación que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega do Consumo, achega durante todo o ano, nas que en 2018 participaron preto de 20.000 persoas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2019