Carmen Pomar anunciouno na súa visita ao CIFP Politécnico de Lugo, cuxos talleres ampliará proximamente a Consellería
Un total de 70 ciclos de FP impartirán este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira

A Consellería de Educación vén de publicar a resolución pola que se autorizan 43 novos ciclos formativos plurilingües

Ademais, continuarán impartíndose na correspondente lingua, en segundo curso, 27 dos ciclos autorizados para o curso 2018/19

Lugo, 17 de setembro de 2019

Un total de 70 ciclos de FP impartirán este curso parte do seu currículo nunha lingua estranxeira o vindeiro curso 2019/20. Así o anunciou esta mañá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na súa visita ao CIFP Politécnico de Lugo. De feito, un dos tres centros educativos que se incorpora este ano ao plurilingüismo en FP é da cidade da Muralla, o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Na provincia impartirán ciclos plurilingües tamén o CIFP As Mercedes (Lugo) e o IES Val do Asma (Chantada).

Por outra banda, o ciclo de grao superior en Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina (impartido no CIFP As Mercedes, en Lugo) será un dos primeiros en Galicia en incorporar o Módulo de Lingua Estranxeira Profesional, módulo propio da Comunidade Autónoma para facilitar a capacitación en idiomas ao alumnado de ciclos formativos.

Durante a súa visita ao CIFP Politécnico Carmen Pomar anunciou ademais que a Consellería vai realizar unha ampliación, coa construción duns novos talleres para os ciclos da familia profesional de Madeira, moble e cortiza. Edificarase sobre o espazo que agora ocupa a pista descuberta e será o primeiro proxecto de talleres de FP construído integramente en madeira. O importe da obra ascenderá a arredor de 1 millón de euros.

PluriFp


Ao abeiro da resolución definitiva de ciclos formativos plurilingües (Estrela PluriFP) que vén de publicar a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, autorízanse 43 novos ciclos formativos plurilingües. Ademais, continuarán impartíndose na correspondente lingua en segundo curso 27 ciclos que foron autorizados para o curso 2018/19.

Os novos proxectos autorizados para o curso 2019/20 son os reflectidos na seguinte táboa:

 

Concello
Centro
Ciclo
Idioma

Culleredo

IES Universidade Laboral
CS Prevención de riscos profesionais
Inglés
CS Acondicionamento físico
Inglés
CS Enerxías renovables
Inglés
CS Mecatrónica industrial
Inglés
Santiago de Compostela
IES Plurilingüe Rosalía de Castro
CS Guía, información e asistencia turísticas
Inglés
Ferrol
IES Leixa
CS Deseño e edición de publicacións impresas e multimedia
Inglés
Santiago de Compostela
IES San Clemente
CM Sistemas microinformáticos e redes
Portugués
CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma
Inglés
A Coruña
CIFP Ánxel Casal - Monte Alto
CS Audioloxía protésica
Inglés
A Coruña
CIFP Someso
CS Programación da produción en fabricación mecánica
Inglés
Santiago de Compostela
IES A Pontepedriña
CS Comercio internacional
Inglés
Chantada
IES Val do Asma
FP Dual CS Administración e finanzas
Inglés
FP Dual CS Axencias de viaxes e xestión de eventos
Inglés
FP Dual CS Desenvolvemento de aplicacións web
Inglés
Lugo
CIFP As Mercedes
CS Mantemento aeromecánico de avións con motor de turbina
Inglés
Lugo
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes
CS Ensinanza e animación sociodeportiva
Inglés
Ourense
CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

CS Desenvolvemento de aplicacións web

Inglés
CS Laboratorio de análise e de control de calidade
Inglés
CS Laboratorio clínico e biomédico
Inglés

CS Hixiene bucodental

Inglés
Ourense
CPR Santo Cristo
CM Farmacia e parafarmacia
Inglés
Ourense
CIFP A Farixa
CS Sistemas de telecomunicacións e informáticos
Inglés
CS Guía, información e asistencia turísticas
Inglés
Vilamarín
IES de Vilamarín
CS Dirección de servizos de restauración
Inglés
FP Dual CS Xestión de aloxamentos turísticos
Francés
Inglés
Ourense
CIFP Portovello
CS Asistencia á dirección
Inglés
CS Xestión de vendas e espazos comerciais
Inglés
Caldas de Reis
CPR Plurilingüe San Fermín
CM Actividades comerciais
Inglés
Vigo
CPR Plurilingüe San Miguel 2

FP Básica Informática e comunicacións

Inglés
Vigo
CPR San Miguel

FP Básica Servizos administrativos

Inglés
FP Básica Servizos comerciais
Inglés
CM Xestión administrativa
Inglés

CM Instalacións de telecomunicacións

Inglés
Vigo
CPR Daniel Castelao
CM Xestión administrativa
Inglés

CM Instalacións eléctricas e automáticas

Inglés
CS Administración e finanzas
Inglés
CS Administración de sistemas informáticos en rede
Inglés
CS Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma
Inglés
Vigo
CIFP Manuel Antonio
CS Patronaxe e moda
Inglés
Vigo
CIFP Valentín Paz Andrade

CS Deseño e amoblamento

Portugués
O Porriño
IES Ribeira do Louro
CS Comercio internacional
Inglés

Pontevedra

CIFP Carlos Oroza
CS Xestión de aloxamentos turísticos
Inglés
FP Dual CS Xestión de aloxamentos turísticos
Inglés

Inserción laboral e internacionalización

Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP para mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos. Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería a través de iniciativas como o programa Erasmus+.

Ademais, esta liña de acción dá resposta ás necesidade de formación e competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que participan nos proxectos de formación profesional dual de Galicia. De feito, dos ciclos incorporados este curso ao plurilingüismo, 5 son proxectos de FP Dual, que se suman aos 5 grupos autorizados para o curso 2018/19.

Formación complementaria

O alumnado que se incorpore a un ciclo formativo plurilingüe cursará estas ensinanzas segundo o establecido na súa normativa reguladora e ademais cursará, cando menos no primeiro curso do ciclo, un módulo non lingüístico en lingua estranxeira. O número de módulos que se cursen en lingua estranxeira poderá ampliarse sen superar, en todo caso, un terzo do horario en lingua estranxeira.

Así mesmo, ao longo dos dous cursos do ciclo o alumnado realizará actividades complementarias de formación organizadas polo centro educativo, como charlas, obradoiros ou proxectos, cunha duración estipulada de 40 horas, e que se levarán a cabo fóra do horario ordinario do alumnado.

A maiores, o centro educativo ofrecerá unha actividade formativa extracurricular de carácter voluntario para o alumnado, no primeiro e no segundo curso do ciclo, cunha carga horaria semanal de dous ou tres períodos lectivos fóra do horario ordinario do alumnado. Esta actividade formativa terá por obxecto principal o afondamento e a adquisición de destrezas no idioma elixido para impartir o ciclo plurilingüe, que sexan específicas do sector profesional ou do ámbito produtivo no que se estea a formar o alumnado.

Máis FP Dual

Carmen Pomar visitou o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) co gallo do inicio do curso na FP galega, que oferta este ano 29.165 prazas en primeiro curso en centros públicos (en números moi similares ao curso anterior), en 1.197 ciclos e programas formativos autorizados. A novidade máis significativa prodúcese na FP Dual, cun incremento dun 58,7% a oferta de ciclos de FP Dual: dos 73 novos proxectos ofertados para este curso aos 46 do 2018/19.

A oferta na provincia de Lugo contemplou un total de 4.322 prazas en primeiro curso en centros públicos, en 182 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 3.094 forman parte do réxime ordinario –1.334 en grao medio, 1.148 en grao superior, 540 en FP Básica e 72 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa-, mentres que outras 609 son do réxime modular para persoas adultas –341 en grao medio e 268 en grao superior-, e 350 do réxime modular a distancia –150 en grao medio e 200 en grao superior-. No referido á FP Dual ofertáronse un total de 269 prazas (142 en grao medio e 127 en grao superior) en 18 novos proxectos.

Durante a súa visita Carmen Pomar destacou que no CIFP Politécnico, un dos referentes da cidade en Formación Profesional, se ofertaron para este curso un total de 4 novos proxectos de Dual, en concreto nos graos medios en Elaboración de produtos alimentarios e en Construción, no grao superior en Automatización e robótica industrial, así como a dobre titulación de grao medio en Coidados auxiliares enfermaría e Atención a persoas en situación de dependencia. No que atinxe ao réxime ordinario presencial, na FP Básica o CIFP Politécnico de Lugo suma o ciclo de Carpintaría e moble.

Para facilitar o crecemento da oferta de FP neste centro a Consellería ten investido nas súas instalacións preto de 360.000 euros desde 2009.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2019