Xunta, Parlamento e Foro Enrique Peinador convocan a XXVI edición dos Premios de Publicidade en Galego

Valentín García, Miguel Santalices e Xosé González reuníronse na Cámara Galega para pechar as bases da convocatoria dos galardóns, que convocan conxuntamente as tres entidades, para o ano 2019

Os premios recoñecen traballos que inciden na promoción do uso do galego no ámbito da publicidade desde cinco categorías: radio, televisión, internet, prensa escrita e proxectos elaborados en centros de formación de futuros profesionais

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a XXVI edición dos Premios de Publicidade en Galego. Os responsables das tres entidades convocantes, Valentín García, Miguel Ángel Santalices e Xosé González, reuníronse hoxe para pechar os detalles desta edición 2019 dos coñecidos galardóns, que recoñecen traballos feitos ao longo do ano, con especial incidencia na promoción do uso do galego desde o ámbito da publicidade.

Fano desde cinco categorías: radio, televisión, internet, prensa escrita e centros de formación de futuros profesionais do ámbito. O prazo de inscrición ábrese mañá, 18 de setembro, e péchase o vindeiro 18 de outubro. As bases e toda a información están dispoñibles no Portal da Lingua Galega.

Os Premios de Publicidade en Galego, impulsados ata o ano 2016 polo Consello Asesor de RTVE-G e pola Corporación RTVG, convócanos conxuntamente a Xunta de Galicia, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador e recoñecen na súa convocatoria 2019 accións publicitarias difundidas ou transmitidas integramente en galego entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018.

O prazo de inscrición neles, que deben formalizar empresas anunciantes e axencias de publicidade, no caso das catro primeiras categorías, e os centros de ensino, no caso da quinta, está aberto durante un mes. O acto de entrega de premios celebrarase no mes de novembro, no marco da conmemoración do Día da Galeguidade Empresarial.

Na pasada edición, resultaron premiados o proxecto Tarxeta PassVigo (encargado por Viguesa de Transportes-VITRASA á axencia Ecovigo Publicidade S.l.) e as campañas de dinamización comercial Compostela Monumental 2017 (impulsadas pola Asociación Compostela Monumental e realizadas por Fancylooks).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/09/2019