A Xunta reivindica o traballo das redeiras profesionais e insta a apoiar o emprendemento feminino no sector pesqueiro

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe en Cariño á inauguración da exposición “Redeiras: Unha profesión con historia”

Destacou a defensa que a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao fai dos dereitos das mulleres traballadoras do mar

Cariño (A Coruña), 18 de setembro de 2019

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe en Cariño á inauguración da exposición “Redeiras: Unha profesión co historia” organizada pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. Na súa visita, López Abella destacou que as redeiras son parte do patrimonio cultural da Galicia mariñeira e que nesta profesión de gran tradición “prima a artesanía e o xénero feminino”.

A secretaria xeral de Igualdade resaltou que a iniciativa empresarial é vital para o progreso do sector pesqueiro e, por iso, instou a apoiar a capacidade emprendedora das mulleres neste ámbito coa promoción de proxectos innovadores e competitivos. Nesta liña, incidiu en que é necesario potenciar o empoderamento das mulleres no sector pesqueiro con políticas que axudan a visibilizar o seu traballo.

López Abella sinalou que a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao contribúe precisamente a este obxectivo coa defensa dos dereitos das mulleres do mar e, en particular, dos intereses das redeiras profesionais galegas, baixo unha perspectiva de igualdade entre mulleres e homes.