A Xunta destaca a importancia da innovación na industria forestal na inauguración da XXXIII Feira do Moble de Galicia na Estrada

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou que nos próximos cinco días A Estrada converterase na capital do moble e máis de 60 expositores amosarán as últimas novidades en deseño e transformación da madeira

O Goberno galego aposta pola modernización do sector e facer da industria forestal a panca da bioeconomía en Galicia

A Estrada (Pontevedra), 18 de setembro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade de avanzar na innovación para modernizar a industria forestal na inauguración da XXXIII Feira do Moble de Galicia que se celebra na Estrada. Rueda participou na xornada inaugural acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o alcalde estradense, José López Campos; e o xerente da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, Nemesio Rey.

A Estrada converterase ata o domingo na capital do moble en Galicia, nun centro de negocios para o sector e no mellor escaparate onde coñecer as últimas tendencias no mercado sobre o deseño e a transformación da madeira. Máis de 60 expositores de Galicia e outras comunidades como Asturias, País Vasco, Castela e León, Castela-A Mancha ou Comunidade Valenciana, así como Portugal, participarán nesta edición da feira, a única do sector na comunidade galega e todo un referente a nivel estatal.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a industria forestal é clave para a economía galega ao aglutinar miles de postos de traballo, xa que 80.000 familias viven desta actividade. O sector da madeira e do moble xogan ademais un papel moi importante na dinamización económica do rural galego ao permitir a creación de empregos de calidade que, á súa vez, contribúen a fixar poboación nestas zonas. O ano pasado foi récord en exportacións de madeira e das súas manufacturas superando os 800 millóns de euros e tamén se acadou o mellor rexistro da última década en facturación con máis de 2.200 millóns de euros.

A Xunta aposta por achegar a innovación ás pequenas e medianas empresas e facer da industria forestal a panca da bioeconomía en Galicia e, por tanto, fomentar o uso de produtos biolóxicos renovables como vía para gañar competitividade. Nesta liña, o Goberno galego traballa, a través da Axenda de impulso da industrial forestal, na modernización do sector coa promoción de construcións sostibles con madeira local, o uso da madeira como combustible e coa colaboración con outros sectores estratéxicos para desenvolver novos produtos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2019