O titular de Medio Rural desprazouse ata o concello de Oímbra para supervisar os traballos de limpeza no marco do convenio de protección das aldeas
A Xunta remitiu aos concellos con parroquias priorizadas as notificacións para a limpeza de 14.000 parcelas

O conselleiro sinalou que, desta forma, os concellos xa teñen as notificacións preparadas para remitilas aos titulares destes terreos, que teñen un prazo de 15 días para xestionar a biomasa neles, se non farase de forma subsidiaria

Adiantou que arestora estanse limpando as franxas en catro concellos da provincia da Coruña, dous na de Lugo, seis na de Ourense e dous na de Pontevedra

José González aproveitará a estadía en Oímbra para coñecer tamén as instalacións das bodegas Quinta do Buble e Triay

Oímbra (Ourense), 18 de setembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, desprazouse esta mañá ata o concello ourensán de Oímbra para supervisar os traballos de limpeza no marco do convenio de protección das aldeas. Alí, o conselleiro, que estivo acompañado pola alcaldesa, Ana Villarino, adiantou que xa se enviaron as primeiras notificacións aos concellos para que estes as remitan aos propietarios de 14.000 parcelas en parroquias priorizadas.

Así, José González indicou que, desta forma, comunícaselles aos titulares destes terreos que teñen un prazo de 15 días para proceder a xestionar debidamente a biomasa neles. Se non o fan, a partir dese período poderán iniciarse, en calquera momento, as accións subsidiarias correspondentes. Neste senso, o titular de Medio Rural asegurou que antes de que remate o mes de setembro serán case 30.000 as parcelas notificadas.

Na visita, o conselleiro sinalou que estas notificacións remítenas os concellos, xa que esta é unha competencia municipal, pero fanse efectivas grazas ao Sistema público de xestión da biomasa que se creou co convenio de protección das aldeas asinado entre a Xunta, a Fegamp e Seaga. Polo tanto, trátase dos 35 concellos que teñen parroquias priorizadas.

Ademais, engadiu o titular de Medio Rural, a estes 35 concellos con parroquias priorizadas, ao igual que a outros 62 de Galicia (ata sumar 97), entregóuselle tamén o Plan municipal de prevención e extinción de incendios e tamén se lles facilitou o visor, que lles permite coñecer as parcelas que compoñen as faixas secundarias do seu municipio, así como os seus titulares catastrais. A maiores, lembrou que tamén se lles entregou a estes municipios a aplicación informática “Xesbío”, para xestionar os incumprimentos e notificacións vinculados á xestión de biomasa forestal na contorna das vivendas e ofrece tamén a posibilidade de xerar un documento de adhesión dos particulares ao contrato de xestión da biomasa.

Todas estas facilidades, manifestou o conselleiro, creáronse no marco do convenio para axudarlle aos concellos a cumprir súa obriga no relativo á xestión da biomasa nas franxas secundarias, é dicir, naquelas próximas ás vivendas. Precisamente, advertiu o conselleiro, a raíz da implementación deste convenio, ao que se solicitaron sumarse 230 concellos, notouse un cambio de actitude nos propietarios de terreos en parroquias priorizadas, ao executar de forma voluntaria parte da limpeza das súas parcelas antes do período de máximo risco.

Concello de Oímbra

No caso concreto de Oímbra, José González lembrou que este municipio ten catro parroquias priorizadas -A Granxa, Bousés, Oímbra e Videferre-, onde se van limpar máis de 120 hectáreas, das cales case 20 serán na parroquia motivo da visita, Bousés. Así mesmo, reiterou que o Sistema público de xestión da biomasa vai limpar as 4.500 hectáreas comprometidas pertencentes ás faixas secundarias das 70 parroquias priorizadas de 35 concellos.

Neste sentido, o conselleiro salientou que arestora estase traballando en catro concellos da provincia da Coruña, dous na de Lugo, seis na de Ourense e dous na de Pontevedra. Ademais, fixo fincapé en que seguen a producirse adhesións ao sistema público de xestión da biomasa.

Precisamente, José González indicou que Medio Rural compatibiliza este labor de prevención “para facer máis resilientes as aldeas fronte o lume” cos traballos de vixilancia e extinción. Neste sentido, felicitou aos profesionais que loitan contra os incendios e agradeceu o seu esforzo e eficacia na extinción dos lumes rexistrados nos últimos días.

Visita a bodegas

O conselleiro aproveitará a súa visita a este municipio ourensán para coñecer as instalacións de dúas adegas, a de Quinta do Buble e a de Triay. Cabe lembrar o apoio da Xunta ao sector do viño a través da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia na que traballa a Xunta e a Fundación Juana de Vega da man do sector.

Esta estratexia conta cun orzamento de máis de 700.000 euros e con ela preténdese reforzar a dimensión internacional, turística e territorial do viño galego. Trátase dunha iniciativa integral, común e coordinada con todos os axentes do sector vitivinícola que marcará un antes e un despois neste eido produtivo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2019