As Xornadas de Toponimia no Ensino mostran o valor dos nomes de lugar como ferramenta normalizadora

Valentín García participou hoxe en Bertamiráns na inauguración da actividade, organizada pola Xunta e o Concello de Ames coa colaboración da RAG

O encontro congrega os días 18, 19 e 30 deste mes preto de medio cento de profesorado dos centros educativos amienses

Ames (A Coruña), 18 de setembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta tarde, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), na inauguración das I Xornadas de Toponimia no Ensino, organizadas pola Xunta de Galicia e polo Concello de Ames coa colaboración da Real Academia Galega (RAG). A iniciativa mostra o valor dos nomes de lugar como ferramenta normalizadora e xurdiu a raíz da publicación do traballo Toponimia de Ames, de Xosé Ramón López Boullón, que viu a luz grazas á colaboración do Concello co Seminario de Onomástica da RAG.

Valentín García sinalou que a riqueza dos nomes de lugar de Galicia é “impresionante” e que a nosa Comunidade é “un dos territorios europeos que reúne maior número de topónimos por metro cadrado”. “Esta riqueza ‒explicou o secretario xeral‒, debe ser preservada e revitalizada, non só porque os topónimos son como unha hucha da cultura que nos transmite información sobre a nosa historia, orografía ou concepción do mundo, senón tamén porque preservar os topónimos é preservar a lingua: palabras que lles oíamos de cativos aos avós e que fomos deixando de sentir consérvanse aínda para nomear unha veiga ou unha chousa”.

Xunto con Valentín García interviñeron na inauguración José M. Miñones e Escarlata Pampín, alcalde e concelleira de Normalización Lingüística de Ames, respectivamente, e Henrique Monteagudo, secretario da RAG.

As xornadas, dirixidas fundamentalmente a profesorado dos centros educativos amieneses, desenvolveranse no Pazo da Peregrina os días 18, 19 e 30 de setembro en horario de 16,30 a 20,30 horas. Ademais, cada un dos 47 participantes inscritos nesta actividade formativa deberá facer catro horas de traballo persoal non presencial ata completar as 16 horas de formación homologadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Cunha orientación eminentemente práctica, nas sesións achegaranse nocións básicas de toponimia (orixe dos nomes de lugar, clasificación, recollida, usos...), divulgación da toponimia amesá, recursos bibliográficos e tecnolóxicos para traballar cos nomes de lugar, aplicacións didácticas nas distintas áreas de coñecemento que compoñen os currículos educativos ou utilidades da toponimia como ferramenta de normalización lingüística.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/09/2019