A Xunta e o Concello de Vila de Cruces colaboran nunha actuación de eficiencia enerxética no alumeado público

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron esta mañá o pavillón de deportes do concello para coñecer de primeira man as melloras

A actuación conta cun orzamento global de 48.119 euros, dos que a Xunta aporta o 70% cun investimento de 32.198 euros ao abeiro das axudas do Fondo de Compensación Ambiental

O Goberno galego destinou ao municipio nos últimos anos máis dun millón de euros a través de distintas liñas de axudas

Vila de Cruces (Pontevedra), 19 de setembro de 2019

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Vila de Cruces para coñecer as actuacións que este municipio realiza ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental. Este concello recibiu nos últimos anos máis dun millón de euros a través das distintas liñas de axudas da Vicepresidencia e só neste exercicio máis de 82.000 euros. Ao acto tamén acudiu o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada.

A Xunta e o Concello de Vila de Cruces colaboraron o ano pasado nun proxecto para mellorar a eficiencia enerxética no alumeado público na Travesía Vázquez e no edificio municipal do pavillón deportes, que conta cun orzamento global de 48.119 euros, dos que o Goberno galego aporta o 70% cun investimento de 32.198 euros. A directora xeral de Administración Local visitou hoxe esta obra, xa rematada, que permitirá contar cun alumeado máis eficiente e que, ao mesmo tempo, reducirá os custos de mantemento.

Neste ano, a Xunta concedeu outra subvención no marco do Fondo de Compensación Ambiental de máis de 47.000 euros para un proxecto de eficiencia enerxética e protección ambiental e outra de 35.000 euros da orde de infraestruturas para mellorar os vestiarios da piscina municipal.

Durante a súa visita, Marta Fernández-Tapias, destacou a importancia da colaboración entre a administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.

A Xunta mantén un diálogo fluído cos concellos galegos, en tanto son a administración máis próxima á cidadanía. Por iso, o Goberno galego habilita todos os anos distintas convocatorias de axudas para as entidades locais, como a Orde de infraestruturas ou o Fondo de Compensación Ambiental, así como convenios, que financian a execución de obras de mellora nas infraestruturas municipais. Ao abeiro destas axudas o Goberno autonómico ten colaborado con Vila de Cruces en obras de interese como a restauración da área recreativa, o parque infantil ou melloras da rede de saneamento. O investimento no concello nos últimos anos supera o millón de euros.

No caso concreto do Fondo de Compensación Ambiental, estas axudas postas en marcha no ano 2010 permitiu que por vez primeira os concellos galegos puideran beneficiarse directamente da explotacións eólicas, posto que as actuacións que se realizan son financiadas a través do canon eólico. Estas axudas van destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2019