A Xunta apunta en Ourense que a formación é clave para que a industria forestal dea resposta ás novas necesidades do mercado

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou no CIS Madeira na clausura dun curso centrado no secado da madeira e o tratamento térmico fitosanitario

Subliña que, a través da nova Axenda da Industria Forestal, se busca un maior emprego da madeira en sectores como a construción

A través do programa para impulsar a organización de accións formativas e de divulgación que impulsen a competitividade e a innovación da industria forestal, a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia a realización dun total de 130 cursos nos que se investirán máis de 288.000 euros

San Cibrao das Viñas (Ourense), 19 de setembro de 2019

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, sinalou hoxe na clausura do curso sobre secado da madeira e tratamento térmico fitosanitario que se celebrou no CIS Madeira de San Cibrao das Viñas a importancia deste tipo de formación para dar resposta ás novas esixencias do mercado.

Do mesmo xeito, sinalou que é preciso dominar as técnicas e o coñecemento do secado da madeira para avanzar na utilización da madeira estrutural na construción. Esta é unha das liñas de actuación da nova Axenda da Industria Forestal, que busca trasladar o emprego útil da madeira a sectores potencialmente valiosos da economía galega, principalmente a construción. Deste xeito, a Axenda contempla as vantaxes de traballar pola construción sostible, con novos modelos de produción que acurten os tempos de construción, creen novas ventás laborais ou avalen a eficiencia enerxética, a insonorización e a sensación de confort. Ignacio Lema destacou o traballo do CIS Madeira neste ámbito, tanto no ámbito da formación como no da innovación.

A iniciativa que hoxe rematou, organizada pola Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga), permitiu a once profesionais do sector ensaiar diferentes técnicas destinadas a asegurar a calidade da madeira aserrada e optimizar os procesos produtivos, cun enfoque eminentemente práctico

Este curso contou co apoio da Xunta a través do programa para impulsar a organización de accións formativas e de divulgación que impulsen o coñecemento, a competitividade e a innovación da industria forestal de Galicia, mediante o cal Xera apoia a realización dun total de 130 accións formativas nas que se investirán máis de 288.000 euros.

As beneficiarias son 10 asociacións vinculadas ao sector que serán as encargadas de desenvolver un total de 8 proxectos e organizar as actividades, que van desde cursos e obradoiros a seminarios e xornadas centradas nos eidos máis demandados por esta industria. Esta acción enmárcase na aposta da Xunta por formar profesionais cualificados, desenvolver competencias relacionadas coas novas tecnoloxías e a innovación e promover a transferencia de coñecemento á industria e compleméntase cos cursos que se imparten con simuladores, un método que permite aos alumnos recrear situacións reais de traballo e sentar as bases do coñecemento da maquinaria forestal.

Data de actualización: 19/09/2019