Valentín García participa na presentación da app 'Auga de Galicia', no marco de Termatalia 2019
Ourense, 19 de setembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da nova aplicación móbil en galego Auga de Galicia, no marco da 19º edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que acolle Expourense entre hoxe e mañá. A aplicación web e móbil promóvea o Clúster da Auga Mineral e Termal, que aglutina as dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin).

A iniciativa conta coa colaboración de Consellería de Cultura e Turismo, no marco do desenvolvemento do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, e permite localizar os perímetros de protección dos acuíferos de augas minerais que existen na nosa Comunidade, así como recibir información diversa sobre os titulares de concesión do acuífero ou obter indicacións de como chegar a eles.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2019