Medio Ambiente e Concello de Toén analizan os pasos a dar tras a adhesión do concello ao pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía

A conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Ricardo González mantiveron unha reunión de traballo na que abordaron tamén a posible colaboración da Xunta para poder rehabilitar vivendas municipais e destinalas a alugueiro social

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Toén, Ricardo González, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo na que abordaron a recente adhesión do municipio ourensán ao chamado Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, as implicacións que terá para o concello e os próximos pasos e accións a seguir neste sentido.

Precisamente, este municipio ourensán foi un dos últimos en sumarase en Galicia ao devandito Pacto, unha iniciativa impulsada a nivel europeo co obxectivo de implicar activamente ás administracións locais na loita contra o cambio climático partindo da premisa ‘pensa global, actúa local’.

Neste sentido, a conselleira felicitou ao Concello de Toén pola súa decisión de sumarse a este importante movemento internacional, que desde finais do ano 2017 coordina e lidera a Xunta en Galicia e que nestes momentos conta xa co apoio de 136 municipios galegos e prevé incorporar a outra vintena que se atopan en trámites de adhesión.

Pola súa parte, o rexedor aproveitou a xuntanza para interesarse polos pasos que deberá seguir a partir de agora o municipio para poder avanzar cara ao cumprimento dos obxectivos comúns que asumen as entidades locais no momento da súa adhesión, entre os que figuran a redución das emisións de CO2 no seu territorio nun 40% de aquí a 2030 ou o aumento da súa resiliencia ante o cambio climático.

A este respecto, Ángeles Vázquez trasladoulle que ten á súa disposición a Oficina Técnica galega do Pacto dos Alcaldes, posta en marcha pola Xunta o ano pasado, precisamente, para actuar como interlocutor directo cos concellos e servir de instrumento de apoio ás entidades locais para que coñezan o marco regulador, lexislativo e económico vixente e ofrecerlles asesoramento individual.

Rehabilitación para alugueiro social

Así mesmo, a conselleira e o rexedor tamén abordaron outros asuntos de interese municipal en materia de vivenda. Concretamente, González trasladoulle que o seu equipo traballa nestes momentos nunha proposta para recuperar varias vivendas propiedade do Concello en núcleos rurais co fin de destinalas a alugueiro social. A conselleira, pola súa parte, escoitou con interese as propostas e iniciativas que está a impulsar o Concello de Toén e comprometeuse a analizar posibles vías de colaboración co municipio a este respecto.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2019