Medio Rural e o Concello de Salvaterra de Miño estudan a posibilidade de recuperar e poñer en valor terras neste municipio

O conselleiro reuniuse coa alcaldesa, quen mostrou o seu interese en mobilizar terras agrarias para mellorar a base territorial das explotacións da zona

Tamén analizaron a posibilidade de crear algunha “aldea modelo” e velar así pola integridade das persoas e dos bens ante o posible avance dun incendio forestal

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse esta mañá coa alcaldesa do concello de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, para estudar posibles proxectos de mobilización de terras neste municipio pontevedrés. Así, o conselleiro sinalou que unha vez aprobada a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, porase en funcionamento a figura de polígono agrario, co fin de mobilizar terras para o desenvolvemento socioeconómico da zona.

Neste senso, ambos dirixentes analizaron a posibilidade de levar a cabo esta figura en diversas zonas do concello, co fin de mellorar a base territorial das explotacións da zona e diversificar así a economía no rural. Así, o titular de Medio Rural tomou nota das zonas propostas por parte da alcaldesa para poder desenvolver diversos cultivos, destacando sobre todo o de cereais.

Nesta xuntanza de traballo, na que tamén estiveron presentes os directores xerais de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, tamén se abordou a intención de crear algunha “aldea modelo”, posto que a rexedora xa mostrou o seu interese en que o seu municipio se adhira ao convenio de protección das aldeas. Neste senso, o conselleiro agradeceu este feito porque é preciso colaborar entre todos para protexer a poboación e os bens e anticiparse así ao problema dos lumes. Ademais, reiterou que a creación desta figura leva consigo a posta en marcha de actividade agrogandeira nas franxas secundarias, é dicir, nas próximas ás vivendas, co obxecto de que actúe como devasa natural fronte o lume e que así non sexa preciso rozar todos os anos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/09/2019