O Servizo de Farmacia da EOXI de Pontevedra e O Salnés recibe o premio extraordinario á mellor iniciativa de calidade á seguridade do paciente oncolóxico da Fundación ECO polo seu sistema de preparación de medicamentos perigosos ‘BD CATO’

Este proxecto, pioneiro en Galicia, intervén naqueles medicamentos que se utilizan para as preparacións de quimioterapia oncohematolóxica

Pontevedra, 19 de setembro de 2019

O Servizo de Farmacia da EOXI de Pontevedra e O Salnés vén de recibir esta tarde en Madrid o premio extraordinario á mellor iniciativa de calidade en seguridade do paciente oncolóxico da Fundación para a excelencia e a calidade da Oncoloxía (ECO), polo seu novedoso sistema de preparación de medicamentos perigosos BD CATO, pioneiro en Galicia. Este sistema intervén naqueles medicamentos que se utilizan para as preparacións de quimioterapia oncohematolóxica.

O Servizo de Farmacia da EOXI, en colaboración coa Compañía Farmacéutica Becton Dickinson, puxo en marcha o pasado xuño por primeira vez nun centro hospitalario da rede sanitaria do Sergas a implantación na práctica clínica real da preparación gravimétrica de medicamentos perigosos, denominada BD CATO. Para levar a cabo o fluxo de traballo da preparación gravimétrica de medicamentos perigosos, o Servizo de Farmacia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, adaptou os seus procedementos aos requirimentos da aplicación electrónica BD CATO.

Para este proceso técnico, ademais de eliminar o papel de todas as metodoloxías de preparación, dotouse a cada un dos postos de traballo das salas brancas con fluxo laminar vertical do Servizo de Farmacia, así coma a incorporación dun escáner, unha cámara fotográfica, unha balanza de precisión e un computador onde a aplicación electrónica “BD CATO” guía ao persoal do Servizo en cada un dos protocolos de preparación de medicamentos perigosos.

A posta en marcha deste fluxo de traballo incrementou os seus parámetros de calidade e seguridade, ata o punto de acadar o Nivel Cero de erros na preparación de medicamentos, a diferencia dos que potencialmente se poderían producir na preparación volumétrica de medicamentos. O desenvolvemento do proxecto BD-CATO enmarcouse nunha iniciativa global de seguridade de medicamentos pola que apostou a Dirección da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Complexos hospitalarios de Valencia, Madrid, Cataluña, así como os de Santiago de Compostela e A Coruña, ambos en Galicia, xa demandaron información técnica para adaptar os seus sistemas de traballo.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 20/09/2019