A Xunta avoga por fomentar o liderado feminino no sector pesqueiro na comunidade galega

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participan na I Convivencia de Mulleres da Pesca no Camiño, de Anmupesca, incluída no programa O teu Xacobeo

O Goberno galego apoia o desenvolvemento profesional das mulleres do mar a través do VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participaron hoxe na I Convivencia de Mulleres da Pesca no Camiño organizada pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca), actividade que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta. Ao acto tamén asistiu a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.

A iniciativa inclúe visitas culturais e o intercambio de experiencias e reflexións sobre o Camiño de Santiago. Así, na xornada de hoxe, as participantes visitarán a cidade de Santiago e a Catedral compostelá, realizarán en barco a ruta Traslatio pola ría de Arousa e descubrirán a actividade das mulleres da pesca en Pontecesures. A convivencia continuará mañá coa peregrinación a Compostela percorrendo un tramo do Camiño Fisterra Muxía e coa asistencia á Misa do Peregrino na igrexa de San Francisco.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, indicou hoxe que o Goberno galego seguirá apostando e fomentando o liderado feminino no sector da pesca na nosa comunidade. Nesta liña, destacou que a Xunta, a través do VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, apoia ás mulleres na incorporación ás estruturas de decisión do sector pesqueiro, á vez que impulsa o desenvolvemento profesional das mulleres do mar.

López Abella destacou o traballo de Anmupesca na visibilización do traballo de redeiras, mariscadoras, comercializadoras armadoras, entre outras, e reforzando o seu empoderamento a través da defensa dos intereses profesionais das asociadas e das mulleres que traballan na actividade pesqueira, marisqueira, acuícola e con servizos vinculados a estas áreas. Dende a Xunta estamos convencidos de que, para mellorar a situación das mulleres do mar, é fundamental entender o seu valor, fomentar a súa visibilidade e impulsar unha igualdade real de oportunidades, sinalou a secretaria xeral da Igualdade.

A I Convivencia de Mulleres de Pesca no Camiño forma parte de O teu Xacobeo, a convocatoria de proxectos posta en marcha polo Goberno autonómico que permite impulsar, grazas a unha achega de 4,7 millóns de euros, arredor de 350 iniciativas no eido social, cultural, deportivo, patrimonial e gastronómico co fin de implicar a toda a sociedade no impulso e programación do vindeiro Ano Santo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2019