Medio Rural e a Asociación Forestal do Morrazo estudan posibles proxectos de recuperación de terras en montes de Marín e Bueu

O director xeral de Desenvolvemento Rural salientou que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia se van poñer en funcionamento novos mecanismos de mobilización de terras

Marín (Pontevedra), 20 de setembro de 2019

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, reuniuse con representantes da Asociación forestal do Morrazo para estudar posibles proxectos de recuperación de terras nos concellos que conforman esta comarca pontevedresa.

Así, Pérez Dubois explicoulles que coa futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia se van poñer en funcionamento novos mecanismos de mobilización de terras e se van perfeccionar ferramentas que xa se estaban usando, tales como a figura da Sociedade de Fomento Forestal (Sofor).

Neste senso, o director xeral sinalou que se analizará a proposta que se envíe desde a asociación para recuperar terras en montes dos concellos de Marín e Bueu para ampliar a zona de actuación ao resto de municipios que conforman esta comarca.

Con estes proxectos búscase recuperar e poñer en valor os terreos forestais, co fin de sacarlle rendibilidade aos montes á vez que se conservan e protexen de posibles incendios forestais. O director xeral agradeceu o esforzo e traballo deste asociación, que aposta por dinamizar o rural desde as diferentes vertentes que ofrece, neste caso desde o ámbito forestal.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 20/09/2019