A Xunta aposta pola formación como panca de cambio para conseguir un emprego estable e de calidade

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, inaugurou esta tarde o III Congreso ‘Trainers for the future’ que se celebra ata mañá en Santiago de Compostela

O goberno galego está comprometido cun modelo dual e flexible de formación para que todos os galegos e galegas se podan adaptar ás novas necesidade do mercado laboral con iniciativas como o Plan galego de formación ou as Unidades formativas en empresas

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, inaugurou esta tarde en Santiago de Compostela o III Congreso Trainers for the future, que reunirá, ata mañá, a profesionais da formación para compartir puntos de vista e coñecer as principias novidades do sector. Casal trasladou aos asistentes a aposta da Xunta pola formación como panca de cambio para conseguir un emprego estable e de calidade.

O director xeral felicitou á organización por promover espazos como estas xornadas que fomentan o debate sobre as tendencias en materia de formación para o emprego e puxo en valor o papel dos profesionais da formación e dos futuros formadores á hora de levar á práctica as medidas que se están poñendo en marcha desde a Administración: “Contamos con vós para impulsar unha formación adaptada ás novas necesidades do mercado laboral desde unha perspectiva global, aberta aos cambios e flexible”, asegurou.

Casal referiuse á necesidade de adaptarse a un mercado laboral en constante evolución no que estamos asistindo a unha crecente sofisticación da demanda de emprego dixital. Neste sentido, a Xunta ten como prioridade a mellora na formación das persoas traballadoras apostando por un modelo dual e flexible con iniciativas como o Plan galego de formación, as Unidades formativas en empresas, os obradoiros duais de emprego ou os programas de formación sectoriais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/09/2019