A directora xeral de Pesca participou na clausura do I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) e de Acuicultura
A Xunta destaca o traballo das Organizacións de Produtores Pesqueiros en favor dunha actividade extractiva sustentable

A Consellería do Mar salienta a importancia destas entidades para que os seus socios poidan obter rendibilidade da súa actividade

O Executivo galego defende a necesidade de que o futuro fondo europeo para o sector pesqueiro siga apoiando o labor das OPP

Galicia conta con 11 das 34 organizacións de produtores pesqueiros existentes en España e foi a primeira comunidade en publicar a convocatoria de axudas para o desenvolvemento dos seus plans de produción e comercialización

Vigo, 20 de setembro de 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, participou hoxe na clausura do I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) e de Acuicultura, un acto no que salientou a contribución destas entidades ao desenvolvemento dunha pesca sustentable e a que os seus membros poidan obter rendibilidade da súa actividade. Ademais, salientou, favorecen a redución da pesca ilegal e impulsan a trazabilidade dos produtos do mar.

A representante da Consellería do Mar subliñou a importancia de eventos coma este, que permitiu debater e intercambiar experiencias co obxectivo de que a actividade das OPP avance, e asegurou que estas organizacións “están vivas, teñen máis gañas de innovar ca nunca e están preocupadas pola sustentabilidade das pesqueiras e a trazabilidade dos produtos do mar”. Por iso, mostrouse confiada de que o futuro fondo europeo para o sector pesqueiro seguirá apoiando a estas organizacións de produtores.

Mercedes Rodríguez incidiu en que as OPP teñen claro que o seu futuro e o dos seus socios pasa pola sustentabilidade e que por iso buscan constantemente dar estabilidade á oferta e á demanda de produtos do mar adaptando a produción ás exixencias do mercado e o mercado ás exixencias dunha actividade sustentable e responsable.

Para logralo, remarcou, son fundamentais os plans de produción e comercialización que elaboran estas entidades, un instrumento que o Executivo galego considera esencial para reforzar o seu labor. Con ese obxectivo, a Xunta leva concedidos desde 2016 máis de 2,6 millóns de euros en axudas para financiar a preparación e desenvolvemento dos plans das OPP e foi a primeira comunidade en publicar a convocatoria destas achegas ao amparo do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

“En Galicia é fundamental adecuar a Política Pesqueira Común ás singularidades prácticas da nosa frota, favorecendo a xestión e ordenación do sector da súa man”, destacou a directora xeral de Pesca, que lembrou que a comunidade conta con 11 das 34 OPP que hai en España. Por iso agradeceu á Organización de Produtores de Pesca del Puerto y Ría de Marín (Opromar) a celebración deste primeiro encontro internacional en Galicia e desexou que pronto haxa unha segunda edición.

Encontro do sector

O I Congreso Internacional de Organizacións de Produtores Pesqueiros e de Acuicultura celebrouse entre onte e hoxe no Museo do Mar de Galicia e estivo organizado por Opromar. O encontro contou coa participación de membros das OPP e autoridades que puideron abordar cuestións como o deseño e execución dos plans de produción e comercialización dos produtos pesqueiros. Entre os obxectivos do evento estaba debater sobre os problemas e dificultades que afronta o sector e buscar a súa solución mediante a cooperación entre produtores e expertos na materia.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 20/09/2019