O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidde, Ildefonso de la Campa, asistiu hoxe á inauguración dunha xornada sobre esta doenza organizada por Alcer Galicia
A Xunta aposta pola coordinación nos ámbitos sanitario e social para prestar unha atención integral ás persoas con enfermidade renal

No encontro abordouse, entre outros temas, o programa Medro con Alcer, unha iniciativa pioneira a nivel nacional dirixida a prestar unha atención especializada ás nenas e nenos con enfermidade renal crónica

Santiago de Compostela, 22 de setembro 2019

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou esta mañá a importancia de que as administracións e as entidades actúen de maneira coordinada nos ámbitos sanitario e social para prestar unha atención integral ás persoas con enfermidade renal. Díxoo na apertura das terceiras xornadas autonómicas sobre esta doenza, que organizou coa Federación Alcer Galicia no Edificio docente Novoa Santos do Complexo Universitario de Santiago baixo o epígrafe Os camiño da vida.

Ildefonso de la Campa fixo fincapé na colaboración que a Consellería de Política Social mantén con esta federación a través do programa Medro con Alcer, que permite unha atención especializada ás nenas e nenos con enfermidade renal crónica. Precisamente, esta iniciativa pioneira a nivel nacional formou parte do programa destas xornadas, dirixidas a doentes, familiares e persoal sanitario de centros de saúde con servizos de nefroloxía.

O director xeral explicou que Medro con Alcer permite poñer a disposición das familias profesionais nos campos da psicoloxía e o traballo social para que lles presten axuda de carácter social, psicolóxica e educativa coa finalidade de que poidan afrontar a enfermidade. Trátase de apoiar aos menores e ás súas familias no proceso de adaptación á doenza, e de propiciar unha maior coordinación entre todas as partes implicadas nos procesos de atención sociosanitaria.

Data de actualización: 22/09/2019