O presidente da Xunta mantivo un encontro coa colectividade de Mar del Plata
Feijóo aposta por reforzar o vínculo interxeracional a un e outro lado do Atlántico a través dos programas e bolsas de formación que a Xunta ofrece aos mozos do exterior

Destaca que, este mesmo ano, 150 mozos do exterior cursarán un máster nas universidades galegas, a través das Becas de excelencia xuventude exterior

Subliña que a convocatoria para cursar estudos de FP de grao superior conta cunha oferta de 100 becas de 10.000 euros cada unha

Queremos que os mozos galegos do exterior teñan a oportunidade de vir a Galicia a vivir experiencias e a formarse”, di, incidindo en que esta sempre será unha terra coas portas abertas para os galegos do exterior

Congratúlase de que Mar del Plata sexa estes días a capital cultural da Galicia exterior, coa mostra Rosalía de José Solla, no Museo de Arte Contemporáneo, coa exposición Xacobeo ou coa posta en marcha do Obradoiro de Sabores

Mar del Plata (Arxentina), 21 de setembro de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por reforzar o vínculo interxeracional a un e outro lado do Atlántico cos programas e bolsas que a Xunta ofrece aos mozos do exterior.

“Queremos que Galicia se converta nunha oportunidade que aproveitar”, dixo, durante un encontro coa colectividade de Mar del Plata, recordando que para acadar este obxectivo, a Comunidade conta con iniciativas históricas como Conecta con Galicia e con outras máis recentes, que ofrecen a posibilidade de coñecer a nosa terra desde un punto de vista formativo, “porque neste eido temos tamén moito que ofrecer”.

Ao respecto, recordou que, este mesmo ano, 150 mozos do exterior cursarán un máster nas universidades galegas, a través das Becas de excelencia xuventude exterior; “e contamos tamén cunha convocatoria para cursar estudos de FP de grao superior, cunha oferta de 100 becas de 10.000 euros cada unha para facelo posible”, explicou.

“En definitiva, queremos que os mozos galegos do exterior teñan a oportunidade de vir a Galicia a vivir experiencias e a formarse”, abundou, incidindo en que esta sempre será unha terra coas portas abertas para os galegos do exterior.

O titular da Xunta aseverou, deste xeito, que a historia de Galicia con Arxentina non só se circunscribe a un pasado común do que nos sentimos orgullosos, “senón que fomos escribindo un presente con vínculos novos, que xa non pasan pola emigración”.

Nesta liña, congratulouse de que Mar del Plata sexa estes días a capital cultural da Galicia exterior, coa mostra Rosalía de José Solla, no Museo de Arte Contemporáneo, e coa exposición Xacobeo.

Así mesmo, destacou a posta en marcha do Obradoiro de Sabores que, con Daniel Guzmán ao mando, aspira a reeditar en Mar del Plata o éxito do ano pasado en Bos Aires. “En definitiva, Mar del Plata demostra estes días que a mestura, a suma e a unión son un beneficio mutuo para ambas culturas”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/09/2019