O alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires visita a Cidade da Cultura
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, recibiu hoxe na Cidade da Cultura a 22 alumnos e a dúas profesoras do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires que estes días visitan Galicia en viaxe de estudos. A súa estadía en Galicia fai posible que o alumnado se achegue durante 15 días á lingua e á cultura propias de Galicia, para alén de coñecer algúns dos emprazamentos máis emblemáticos da nosa comunidade, co apoio da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura e Turismo e da Secretaría Xeral da Emigración.

O Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires creouse no ano 1998, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires, co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural neste país. Desde 2003, o centro educativo conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega que reforza e reafirma nel os valores e trazos da identidade lingüística e cultural galegas, favorecendo a súa difusión entre o estudantado. O alumnado segue estudos de lingua e literatura galegas e mais de xeografía e historia de Galicia, todas elas co galego como lingua vehicular.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2019