A Comisión de Heráldica aproba o escudo e a bandeira oficial do concello ourensán de Xinzo de Limia

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Heráldica

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, presidiu hoxe a reunión da Comisión de Heráldica na que se aprobou o escudo e a bandeira do concello ourensán de Xinzo de Limia. No encontro desta mañá, a comisión tamén examinou os expedientes en curso dos concellos de Arteixo, O Pino, Vilarmaior, Oia e O Carballiño.

O Goberno local leva aprobados un total de 260 escudos e bandeiras das entidades locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos concellos de modificar ou rehabilitar os seus símbolos, para adaptalos ao decreto que regula os símbolos das entidades locais galegas.

Segundo explicou a directora xeral de Administración Local, os municipios e demais entidades locais de Galicia poderán adoptar escudos heráldicos e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do seu territorio, conforme ás normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Comisión de Heráldica é o órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en materia de réxime local, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sendo a encargada de emitir informes vinculantes de aprobación, modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais galegas. Ademais, poderá elaborar as correspondentes propostas para a modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras daquelas corporacións locais que así o soliciten, sen ningún cargo para a entidade local interesada.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2019