Anxo M. Lorenzo destaca o carácter pioneiro do Festival de Cine Internacional de Ourense durante a presentación da 24ª edición

O evento, punto de encontro para afeccionados e profesionais do ámbito cinematográfico, celebrarase do 27 de setembro ao 5 de outubro

Ourense, 23 de setembro de 2019

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participou na rolda de prensa de presentación da 24ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), un evento que conta co apoio da Xunta de Galicia e que se desenvolverá do 27 de setembro ao 5 de outubro como punto de encontro para afeccionados e profesionais do ámbito cinematográfico.

Un total de 15 películas, das que tres participan fóra de concurso, compoñen a sección oficial que nesta edición conta con máis presenza española ca nunca grazas á participación de filmes como O que arde, La hija de un ladrón e El doble más quince. Ademais, a sección oficial do OUFF levará a Ourense longametraxes premiadas en prestixiosos festivais internacionais e dirixidas por Alejandro Landes, Gael García Bernal, Oliver Laxe ou Bong Joon-Ho.

O evento tamén albergará a segunda edición do OUFF en Curto, o certame de curtametraxes que este ano recibe o dobre de aspirantes que na pasada convocatoria con preto dun cento de traballos inscritos para participar no concurso. Ademais de pola concorrencia, o OUFF en Curto destaca tamén pola calidade dos traballos presentados.

Anxo M. Lorenzo destacou que o OUFF, ademais de ser o certame internacional máis antigo de carácter competitivo que se realiza en Galicia, supón un recurso turístico de primeiro nivel que permite dar a coñecer a nosa comunidade a espectadores e profesionais do sector. Neste sentido, OUFF levará a cabo por primeira vez a iniciativa Viaxe de cine por Ourense, mediante a cal daranse a coñecer os escenarios da cidade que serviron de set de rodaxe para diferentes películas.

Data de actualización: 23/09/2019