A Xunta e o Concello de Mesía colaborarán na mellora de infraestruturas rurais neste municipio coruñés

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse co seu alcalde, Mariano Iglesias, para avanzar nas diferentes vías de cooperación en relación co arranxo e a posta en valor de camiños

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

A Consellería do Medio Rural e o Concello de Mesía colaborarán na mellora e posta en valor de infraestruturas rurais neste municipio coruñés. O conselleiro José González reuniuse co seu alcalde, Mariano Iglesias, para avanzar nas diferentes vías de cooperación en relación coa mellora de camiños de titularidade municipal.

O titular de Medio Rural explicoulle ao rexedor que a Consellería conta con iniciativas como o Plan de Infraestruturas Rurais (PIR), coas que se poden financiar este tipo de arranxos. Ademais, naquelas pistas vinculadas con aproveitamentos forestais tamén é posible actuar no marco dos plans de prevención e defensa contra incendios forestais. Neste sentido, o alcalde presentará unha memoria valorada das intervencións a realizar, para sometelas a estudo por parte dos técnicos e responsables de Medio Rural, co fin de priorizalas.

Por último, o alcalde e o conselleiro abordaron o peso agrogandeiro deste municipio, que conta con máis de 280 explotacións e cunha cabana gandeira que supera as 7.700 vacas, sendo, ademais, un dos primeiros en produción, con case 54 millóns de litros no conxunto de 2018.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2019