Educación construirá nova unha escola de educación infantil en Coirós para atender a demanda de escolarización neste concello coruñés

A conselleira Carmen Pomar e mailo alcalde da localidade asinaron o convenio para a posta a disposición dos terreos por parte do Concello

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vai construír unha nova Escola de Educación Infantil (EEI) no concello coruñés de Coirós, co obxectivo de atender a demanda de escolarización deste concello da provincia da Coruña, que xa conta con outras dúas EEI en funcionamento.

Á falta da redacción do proxecto, este novo colexio vai contar con tres aulas e prevese que entre en funcionamento no curso 2020-21. O investimento estimado ascende a preto de 500.000 euros.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, e mailo alcalde de Coirós, Francisco Quintela, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a construción desta nova infraestrutura educativa, que inclúe a posta a disposición dos terreos por parte do Concello.

Deste xeito, a nova EEI, vaise construír nunhas parcelas do polígono de vivendas de Pedrapartida, que o Concello pon a disposición da Consellería con todos os requisitos urbanísticos en orde, así como coas infraestruturas necesarias como é o abastecemento de auga, subministro eléctrico, saneamento e rede de sumidoiros.

Así mesmo comprometeuse a tramitar e proporcionar todos os permisos, licenzas e autorizacións pertinentes para a edificación da nova escola.

Unha vez dispostos os terreos debidamente rozados e con todos os permisos requiridos, a Consellería de Educación encargarase de elaborar o proxecto técnico así como da construción do centro educativo.

Antes da finalización das obras, o Concello deberá completar a urbanización ao novo centro, co acceso rodado pavimentado e con beirarrúas, para garantir a seguridade do alumnado.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/09/2019