O Consorcio Casco Vello de Vigo acorda a venda da propiedade da rúa Real 27 a Zona Franca por valor de 808.220 euros

A presidenta do organismo rehabilitador e delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, pon en valor unha operación que permitirá a adquisición de novos inmobles no barrio

O Consello de Administración dá o visto e prace ao inicio de venda de Cruz Verde 12 e ao proceso de selección de solicitantes dunha vivenda en San Sebastián 24-26

Vigo, 26 de setembro de 2019

A presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV) e delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, informou hoxe dos asuntos abordados no Consello de Administración do organismo que preside e no que se acordou a venda a Zona Franca da propiedade da rúa Real 27. Unha operación que, segundo dixo, suporá para o ente público uns ingresos de 808.220 euros que permitirán a adquisición e rehabilitación de novos inmobles.

Segundo recordou, esta edificación foi cedida no 2016 polo Consorcio do Casco Vello de Vigo en dereito de superficie a Down Vigo, nun acordo que implicaba a rehabilitación do inmoble por parte desta asociación que nunca chegou a executarse. Tras o interese manifestado pola propiedade por Zona Franca, e toda vez que Down Vigo renunciou o dereito de superficie o pasado 5 de setembro, a edificación pasará agora a mans do organismo estatal. Na actualidade unicamente queda en pé a fachada principal.

Finaliza así o proceso de transferencia por parte do organismo rehabilitador da propiedade do inmoble, tal e como explicou Corina Porro, a falla de firmar a escritura. “Despexamos o camiño para a instalación no inmoble, unha que Zona Franca o rehabilite, da sede de Down Vigo”, subliñou.

Proceso de selección de solicitantes

Por outra banda, o Consello de Administración deu o visto e prace ao inicio de venda de Cruz Verde 12 e ao proceso de selección de solicitantes dunha vivenda en San Sebastián 24-26.

Tal e como sinalou a presidenta do CCVV, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 por cento polo Concello de Vigo, acordouse solicitar ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a apertura do proceso de selección dos candidatos a ocupar a promoción de Cruz Verde 12.

Trátase de dúas novas vivendas de promoción autonómica de tres habitacións e un local comercial nesta popular rúa do barrio histórico vigués, coas que se da resposta á demanda de vivendas más amplas, “nun efecto chamado -dixo Porro- á incorporación de familias con nenos na zona”. En canto a orzamento, recordou que se destinaron 344.141,76 euros a súa rehabilitación.

A primeira delas, cun prezo fixado de 111.000 euros, ocupa unha superficie de 65,90 metros cadrados distribuídos en dous andares e está dotada de dúas habitacións, un salón-comedor-cociña, un baño e un lavadoiro-tendal. A segunda, cunha distribución similar, ocupa 73,45 metros cadrados e ten un prezo de venda de 126.000 euros.

A este respecto, Corina Porro recordou que poderán presentarse ao proceso de selección todos aqueles interesados que cumpran cos requisitos establecidos pola Administración para o acceso as estas vivendas de Protección Autonómica e estean inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.

En canto a San Sebastián 24-26, a representante autonómica subliñou que co inicio da selección dos demandantes porase a disposición dos posibles compradores unha vivenda de 53,84 metros cadrados no baixo desta promoción, localizada nas proximidades do Concello e a Porta do Sol, en pleno centro vigués. Cun prezo fixado de 78.068 euros, inclúe un dormitorio, un baño e un salón-comedor-cociña.

Resumen CCVV

Desde que en 2005 botase a andar o Consorcio Casco Vello de Vigo, adquiríronse 78 inmobles situados dentro do seu ámbito de actuación (fixado polo PEPRI). Destes, 60 xa están totalmente rehabilitados, 12 foron transferidos a outros organismos (7 deles rehabilitados polo CCVV), 6 están en proceso de construción e en 7, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron os labores de rehabilitación. Estas actuacións suman 106 vivendas promovidas, das que 93 foron vendidas e o resto están en distinta fase de execución.

En canto aos locais comerciais, interveuse en 32 (6 están vendidos, 10 alugados e 16 baleiros). O investimento total desde a súa constitución supera os 45 millóns de euros.

Data de actualización: 26/09/2019