A Xunta celebra o Día Europeo das Linguas cun recitado multilingüe de Rosalía de Castro

Peregrinos e estudantes Erasmus leron en cadanseu idioma textos da poeta galega máis universal

O secretario xeral de Política Lingüística animou os estranxeiros que se achegan a Galicia e aos que se establecen nela a descubrir e aprender o galego

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia celebrou esta mañá nos soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago, situado na compostelá praza das Praterías, o Día Europeo das Linguas. Fíxoo cun acto durante o cal peregrinos e estudantes Erasmus procedentes de toda Europa recitaron poemas galegos da poetisa Rosalía de Castro traducidos a cadansúa lingua.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, explicou que con esta acción a Consellería de Cultura e Turismo quería mostrar “a diversidade lingüística de Europa”, así como “que o coñecemento de linguas é unha ponte que une sociedades e culturas”. García insistiu en que “non hai linguas pequenas, senón que todas son útiles e importantes”, polo que animou a aqueles que se achegan e, sobre todo, a aqueles que se establecen en Galicia a descubrir a lingua galega, ao tempo que lembrou que a Comunidade conta cos índices de coñecemento “máis altos de toda a historia e de todas as linguas cooficiais de España”.

Xunto co secretario xeral de Política Lingüística participaron no acto Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.

Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, súmase a esta festa que, cada 26 de setembro, nos lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas. Faino a través do acto celebrado esta mañá en Santiago de Compostela e mais coa difusión, a través do Portal da Lingua Galega, das actividades que os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos preparan para conmemorar esta data.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 26/09/2019