A Xunta solicitou información a 89 entidades locais no segundo trimestre, en exercicio da súa competencia de tutela financeira

No que vai de ano, o número de entidades locais ás que se lle pediu información é de 120, fronte ás 102 do mesmo período de 2018

Estas solicitudes abordan materias como o período medio de pago a provedores, os plans económico-financeiros ou os acordos de non dispoñibilidade de crédito

A Comunidade Autónoma exerce a competencia de tutela financeira dos entes locais, tal como establece o Estatuto de Autonomía

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019

A Consellería de Facenda, en exercicio da súa competencia de tutela financeira, solicitou no segundo trimestre de 2019 información a un total de 89 entidades locais. No que vai de ano, o número de entidades locais ás que se lle pediu información ascende a 120, fronte ás 102 entidades do primeiro semestre de 2018.

As solicitudes de información realizadas pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos no primeiro semestre abordan materias como o período medio de pago a provedores, os plans económico-financeiros, os acordos de non dispoñibilidade de créditos ou as medidas a adoptar para o saneamento do remanente de tesourería negativo.

En concreto, no primeiro semestre a Administración galega solicitou información sobre o período medio de pagamento a provedores a un total de 37 entidades locais; a outras 74 entidades pedíuselles información sobre o Plan Económico-Financeiro; e 34 entidades locais máis foron requeridas para facilitar información sobre os acordos de non dispoñibilidade de crédito. Finalmente, a outras catro solicitóuselles información sobre as medidas a adoptar para o saneamento do remanente de tesourería negativo.

En total, o número de entidades locais ás que se lle pediu información é de 120, xa que hai que ter en conta que a unha mesma entidade local se lle pode demandar información sobre máis dunha materia. Ademais, outras catro entidades locais facilitaron información á Xunta de Galicia sen requirimento previo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/09/2019