A Xunta inicia a tramitación da primeira declaración dunha Área Rexurbe en Galicia por parte do Concello de Mondoñedo

Esta figura foi creada pola Lei de Rehabilitación e permitirá adoptar medidas de rehabilitación, sociais, ambientais e económicas en conxuntos históricos degradados que teñan a categoría de Ben de Interese Cultural

O director do Instituto Galego de Vivenda e Solo e a alcaldesa de Mondoñedo mantiveron unha reunión na que abordaron esta iniciativa promovida pola administración local
 

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, inicia a tramitación para declarar a primeira Área Rexurbe en Galicia no Concello de Mondoñedo.

O director do IGVS, Heriberto García Porto, e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, mantiveron unha reunión, na que a rexedora municipal lle presentou a solicitude de declaración dunha Área Rexurbe no seu conxunto histórico. Cómpre recordar que esta figura foi creada ao abeiro do disposto na primeira Lei de Rehabilitación de Galicia que entrou en vigor este mesmo ano.

Unha vez presentada a solicitude, o IGVS inicia a tramitación da mesma e abordará as diferentes cuestións necesarias para levar adiante esta iniciativa e que se converterá na primeira Área Rexurbe declarada en Galicia.

A figura das áreas Rexurbe foi creada pola Lei de Rehabilitación e serán declaradas, a solicitude dos concellos, en núcleos históricos catalogados como BIC que se atopen especialmente degradados, ou outros que pola súa singularidade e o seu deterioro precisen dunha especial actuación. A través destas áreas realizaranse actuacións de rehabilitación ao mesmo tempo que se articulen medidas sociais, ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria.

As áreas Rexurbe contarán cun plan de dinamización como figura central de deseño do futuro da área, que fixe unha meta e a folla de ruta a seguir, mediante o estudo dos distintos usos alternativos, a análise, no seu caso, das modificacións urbanísticas precisas e a elaboración dun plan de financiamento que serva para concentrar os esforzos da iniciativa pública, tanto dos distintos departamentos da Xunta de Galicia como do resto de administracións sen esquecer a iniciativa particular.
 

Data de actualización: 27/09/2019