A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia forman a mulleres do rural en comercio e banca electrónica

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe un destes cursos que se está a desenvolver na Estrada

A iniciativa chegará a un total de 8 concellos

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019

A Xunta e a Unión de Consumidores de Galicia veñen de poñer en marcha a Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica, que se desenvolverá durante os meses de setembro, outubro e novembro.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, visitaron hoxe na Estrada un destes cursos, que contan cunha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. En total, a iniciativa chegará a oito concellos. Ademais da Estrada, programáronse sesións en Ordes, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Carballiño, Boiro, Monterroso e Moaña.

A escola sobre comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías entre as mulleres do rural galego con fin de diminuír a fenda dixital, e por fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto onde estas transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.

Así, durante o obradoiro, as participantes adquirirán coñecementos e habilidades relacionadas coa banca e o comercio electrónico, coñecerán os seus dereitos como persoas consumidoras, así como as ferramentas necesarias para exercer estes dereitos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2019