O Teu Xacobeo impulsa propostas de turismo inclusivo na Ribeira Sacra arredor do Camiño de Inverno e o patrimonio

A directora de Turismo, Nava Castro, participou hoxe no concello de Pantón na presentación da iniciativa ‘Patrimonio e turismo inclusivo’ que tamén afondará na gastronomía e enoturismo

Créase unha oferta para persoas con dificultades sensoriais, cognitivas e motoras e dotarase a axentes turísticos e á poboación local das competencias precisas

Pantón (Lugo), 30 de setembro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación dunha das 350 iniciativas beneficiarias de O Teu Xacobeo, a convocatoria aberta de proxectos impulsada pola Xunta na antesala do Xacobeo 2021. Trátase de Patrimonio e turismo inclusivo na Ribeira Sacra, coordinada polo Ateneo de Pontevedra co asesoramento de entidades como a ONCE, Cogami e Todo Inclusión.

Como se explicou durante o acto, esta iniciativa permitirá pór en marcha propostas turísticas con enfoques inclusivos e de xénero desde o punto de vista da peregrinación, a antropoloxía, o enoturismo, a gastronomía ou a navegación fluvial desta zona. A directora de Turismo salientou a aposta dos impulsores desta iniciativa por crear propostas turísticas “por e para todos”, aliñándose cos obxectivos da Xunta “porque se o turismo non ten fronteiras, debemos seguir traballando para que tampouco teña barreiras”, engadiu.

Este novo paquete turístico terá en conta a participación nas propostas de lecer de colectivos con distintos graos de discapacidade, ademais de divulgar o Camiño de Inverno e poñer en valor a pegada do románico galego. O proxecto dotará a axentes turísticos de competencias precisas para a creación de servizos accesibles e inclusivos ademais de fortalecer as identidades individuais e colectivas da poboación da contorna, facéndoos partícipes na nova oferta turística como transmisores do seu patrimonio inmaterial.

Para lograr estes obxectivos ao abeiro desta iniciativa farase un traballo de campo cunha diagnose sobre a situación actual da zona. Ao remate, editarase unha guía de experiencias con actividades sobre patrimonio cultural, natural, enolóxico, gastronómico e inmaterial. A iniciativa tamén inclúe pílulas audiovisuais para a promoción do Camiño de Inverno.

Outros proxectos inclusivos

Dentro da programación de O teu Xacobeo, estanse a impulsar diferentes accións centradas nunha experiencia inclusiva do Camiño de Santiago como as propostas de Afaga Alzhéimer, con rutas para coidadores; de Fagal Alzhéimer, con sinalización especial para sensibilizar á poboación e andainas polo Camiño para persoas con esta doenza; de Cogami, coa realización dun audiovisual no que se conta a experiencia de usuarios de esta organización ata que chegan á Santiago, ou co proxecto Camiño cara a inclusión de Down Lugo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/09/2019