A Xunta reitera que o Goberno de España comunicou a semana pasada que o estudo do abastecemento non se vai iniciar en 2019 e segue sen licitalo case un ano despois do acordo para impulsalo

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil anunciou a próxima publicación no Diario Oficial da UE da contratación, aínda pendente

A Xunta lamenta que o alcalde de Vigo intente encubrir a falta de dilixencia na atención a un asunto de primeira orde, como é o abastecemento de auga á poboación

Lémbralle ao rexedor que o abastecemento de auga á poboación é unha competencia exclusiva dos concellos, tal e como establece a Lei reguladora das bases do réxime local

A falta de avances no estudo e a persistencia dos problemas da potabilizadora municipal converten 2019 nun ano perdido na procura de solucións para os problemas que arrastra o sistema de abastecemento de auga a Vigo

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2019

A Xunta de Galicia reitera que o Goberno de España comunicou a semana pasada que o estudo de alternativas sobre o abastecemento de auga en Vigo non se vai iniciar este ano.

Concretamente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, trasladou a semana pasada a Augas de Galicia unha comunicación na que informa, textualmente, da “imposibilidade de executar e certificar contía algunha no presente exercicio 2019”. Por ese motivo, remite unha addenda ao convenio que reaxusta as anualidades previstas e debe ser tramitada polas tres administracións implicadas.

Ese estudo segue sen ser licitado case un ano despois do acordo entre o Goberno galego, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para impulsalo conxuntamente.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, comunicou que proximamente será publicado no Diario Oficial da Unión Europea a licitación deste estudo, que está aínda pendente.

Por exemplo, o Diario Oficial da Unión Europea publicou o pasado mes de marzo o anuncio da licitación da estación de ferrocarril da Coruña e a día de hoxe o Ministerio de Fomento non iniciou o procedemento de contratación correspondente.

A Xunta lamenta que, en lugar de apremiar para que se axilicen os trámites e os traballos, o alcalde de Vigo intente encubrir a falta de dilixencia na atención a un asunto de primeira orde, como é o abastecemento de auga á poboación.

Ademais, lémbralle ao rexedor que o abastecemento de auga á poboación é unha competencia exclusiva dos concellos, tal e como establece a Lei reguladora das bases do réxime local.

A falta de avances no estudo e a persistencia dos problemas da potabilizadora municipal converten 2019 nun ano perdido na procura de solucións para os problemas que arrastra o sistema de abastecemento de auga a Vigo.

Data de actualización: 30/09/2019