Ovidio Rodeiro destaca a importancia do rexistro de empresas do sector forestal para asegurar a rastrexabilidade da madeira en Galicia

Traballadores de industrias madeireiras da provincia coñeceron o manexo do rexistro de empresas desta rama produtiva e o procedemento da administración electrónica da Xunta que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela

A Coruña, 1 de outubro de 2019

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá nunha xornada formativa sobre o Rexistro de empresas do sector forestal de Galicia e o procedemento da administración electrónica do Goberno galego que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela. O representante do Goberno Autonómico destacou que “o obxectivo deste rexistro é asegurar a rastrexabilidade do produto en toda a cadea de subministro”.

O encontro foi organizado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, en colaboración coa Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga), e contou coa participación de traballadores de distintas empresas do ramo.

No devandito rexistro están inscritas as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto as que realizan traballos forestais nos montes galegos como aquelas con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais.

As entidades inscritas deben cumprimentar unha comunicación anual de datos que deixe constancia da súa actividade –cortas, compras ou vendas, entre outros– mediante un procedemento electrónico a través da páxina web da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/10/2019