O X certame de cine OUFF Escola premia a creatividade audiovisual en galego do estudantado

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na entrega dos premios da X edición do festival, que distinguiu os traballos do CEIP de Palmeira, CEIP A Pedra e CPR María Assumpta e as curtas dos IES de Foz, Chan do Monte e Isaac Díaz Pardo

OUFF Escola é un certame de cinema en galego que convocan a Concellería de Turismo de Ourense e a Consellería de Cultura e Turismo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense

Ourense, 1 de outubro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na décima gala de entrega dos premios do certame de cine OUFF Escola, celebrada no Auditorio Municipal da Cidade das Burgas.

Valentín García valorou o esforzo realizado por profesorado e alumnado para realizar estas curtas, “que son unha mostra da creatividade e da capacidade da mocidade para expresar o que é, pensa, sente ou lle preocupa en lingua galega”. O secretario xeral tamén quixo animar “a todo o profesorado a empregar o audiovisual como vía para un ensino innovador, atractivo e comunicativo da lingua propia de Galicia”.

A que xa é décima edición do Certame de Cinema OUFF Escola outorgoulle este ano o primeiro premio na categoría de Infantil e Primaria ao traballo Agapito vai de viaxe, do CEIP Plurilingüe de Palmeira (Ribeira, A Coruña). O segundo premio recaeu en A gorra da sorte, do CPR Plurilingüe María Assumpta (Noia, A Coruña) e o Premio Blanco Amor ao mellor guión, É o meu aniversario, do CEIP Plurilingüe A Pedra (Bueu, Pontevedra).

Na categoría de secundaria, o primeiro premio de Outros niveis de ensino non universitario lle foi concedido ao IES Isaac Díaz Pardo (Sada, A Coruña) pola curta Deámoslles voz. O segundo recaeu na proposta Pulso, do IES Chan do Monte (Marín, Pontevedra). Nesta modalidade, o Premio Blanco Amor ao mellor guión correspondeulle ao filme Mans salgadas, do IES de Foz (Foz, Lugo).

OUFF Escola é un certame de cinema convocado pola Concellaría de Cultura de Ourense e pola Consellería de Cultura e Turismo no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Nacido hai dez anos, ten os obxectivos de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/10/2019