A Xunta destaca a importancia do intercambio de información e a posta en común de experiencias entre os profesionais das emerxencias para a prevención e a mellora continua neste eido

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración da Semana da Prevención de Incendios

O responsable dos labores de extinción do gran incendio forestal en Gran Canaria do pasado agosto e o coordinador do rescate do pozo de Totalán interviron ao longo desta xornada

As actividades da Semana de Prevención de Incendios, nas que colabora a Axega, levaranse a cabo do 10 ao 15 de outubro para divulgar coñecementos en autoprotección e de prevención de riscos
 

A Coruña, 2 de outubro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou a importancia da formación e o intercambio de información entre os responsables das emerxencias, tanto no que se refire ás medidas de prevención como ás liñas de mellora de actuación nas intervencións ante unha incidencia, en especial nos casos de maior gravidade.

Alfonso Rueda, acompañado polo director da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, e do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na inauguración das actividades da Semana da Prevención de Incendios da Coruña, á que tamén asisitiu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey e o responsable de seguridade vial e prevención da Fundación Mapfre, Antonio Infante. Nesta xornada inaugural de hoxe profesionais dos servizos operativos protagonistas dalgunhas das intervencións máis recentes e graves en España instruirán aos asistentes sobre incendios forestais, industriais ou rescates en espazos confinados.

Por iso, nesta xornada inaugural participan dous expertos referentes a nivel nacional. Trátase de Mario Beltrán del Pino, oficial responsable da área técnico-operativa do Consorcio de Emerxencias de Gran Canaria que dirixiu as labores de extinción do gran incendio forestal que queimou máis de 9.200 hectáreas en Gran Canaria o pasado agosto; e Julián Moreno, director técnico provincial do Consorcio de Bombeiros de Málaga, que dirixiu o rescate do pequeno Julen no pozo de Totalán a principios de ano.

Semana de Prevención de Incendios

Despois desta xornada para profesionais do sector das emerxencias, a Semana de Prevención de Incendios acollerá actividades do 10 ao 15 de outubro para que os máis pequenos e os seus familiares aprendan que é o lume, como pode chegar a converterse nun incendio e as medidas de prevención e de actuación que se deben levar a cabo.

Este programa de sensibilización no que colabora a Axega volve contar nesta edición coa “Casiña de fumes para a evacuación” entre as actividades interactivas para os máis pequenos e tamén acollerá xornadas e obradoiros sobre incendios domésticos, o manexo de extintores, o uso de dispositivos de retención infantil para previr accidentes de tráfico ou a reanimación cardiopulmonar.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/10/2019