Sométense a información pública as directrices da paisaxe que permitirán compatibilizar o aproveitamento e uso do territorio coa preservación dos valores paisaxísticos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se abre o proceso de información pública do documento que completará os instrumentos de xestión da paisaxe para toda Galicia e que establece a Lei de Protección da Paisaxe

Fixa unha serie de normas e recomendacións para facer plenamente compatible a protección e conservación da paisaxe e a produción agraria, a actividade dos parques eólicos, as actividades extractivas e as infraestruturas enerxéticas e vías de comunicación

A modo de exemplo, os instrumentos de ordenación do territorio e de planificacións dos espazos naturais deberán estudar a paisaxe e asegurar a preservación de ditos valores

No caso das áreas de especial interese paisaxístico, os instrumentos de ordenación forestal incluirán un estudo sobre a paisaxe e definirán medidas para asegurar a integración de novas plantacións forestais

A actividade das explotacións mineiras ou dos parques eólicos recolleran accións para minimizar a visibilidade e mellorar a súa integración na paisaxe, como a reutilización das infraestruturas existentes

Establece como obrigatoriedade retirar carteis, paneis e sinaléctica de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que establezan os compromisos de financiamento

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2019

A Xunta inicia o proceso de información pública das Directrices da Paisaxe, que teñen por obxectivo principal facer compatible o aproveitamento e o uso do territorio coa preservación e mellora dos valores paisaxísticos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se inicia este trámite desta ferramenta que -xunto co Catálogo das Paisaxes e as guías de boas prácticas de integración paisaxística- completará os instrumentos de xestión da paisaxe de todo o territorio galego, ao tempo que se da cumprimento ao mandato da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia.

As directrices de paisaxe son determinacións para establecer obxectivos de calidade paisaxística fixados para as unidades de paisaxe, así como normas e recomendacións vinculantes para a integración de ditos obxectivos na planificación urbanística, sectorial e nas diferentes estratexias das administracións, co fin de compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento socioeconómico de Galicia.

A modo de exemplo, fíxanse unha serie de criterios para que sexan incorporados nos proxectos das reestruturación parcelaria e outros instrumentos de ordenación agraria, como os instrumentos de planificación e de ordenación forestal, para dar cumprimento aos obxectivos produtivos en materia agrícola, gandeira e forestal, con pleno respecto polos valores paisaxísticos que dan un carácter singular e identitario á paisaxe rural de Galicia. Isto quere dicir que se deberán incorporar aos instrumentos de planificación e ordenación agraria criterios de xestión paisaxística dende o inicio da súa elaboración; un aspecto que se tamén se fai extensivo as actividades mineiras extractivas, sobre as que se propoñen procedementos e medidas específicas para conciliar a actividade coa paisaxe.

Neste sentido, fíxanse medidas criterios para a localización das explotacións, medidas de ocultación para minimizar a súa visibilidade e que as construcións anexas se localicen nos terreos menos expostos visualmente.

As Directrices da Paisaxe tamén propoñen normas para a revisión do plan sectorial eólico de Galicia, así como un conxunto de criterios para asegurar a mellor integración dos parques eólicos xa planificados, para que na fase de formulación dos proxectos sexan tidos en conta para un axeitada implantación e integración coa paisaxe. Entre as medidas destaca: a aposta pola repotenciación dos parques, a procura da reutilización das infraestruturas existentes e criterios para os elementos concretos como son os viarios, plataformas dos aeroxeradores e a ubicación das instalacións auxiliares e a busca dos mellores trazados das liñas eléctricas.

Un dos obxectivos é acadar a integración plena dos distintos elementos que se poden localizar na Comunidade, como por exemplo infraestruturas enerxéticas, vías de comunicación e redes de telecomunicación; polo que se establecen medidas para a localización e integración das novas instalacións de antenas, as súas dimensións e características produzan o menor impacto visual, e evitar a implantación en lugares protexidos. Tamén se fixa a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinaléctica de obras ou actuacións públicas rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos no seu finanzamento.

Tamén se fixan directrices específicas para outras unidades de paisaxe como os cursos fluviais, láminas de auga, matogueiras, recheos, turbeiras, bosques..... coa finalidade de ofrecer unhas pautas de intervención coherentes co carácter e os valores peculiares de cada unidade de paisaxe. Entre as mesmas destacan que calquera plan proxecto ou actuación considerará os cursos fluviais, e a súa área de influencia, como espazos de valor paisaxístico, incorporaranse criterios de integración paisaxística na planificación e deseño de novas infraestruturas e obras públicas, promoveranse actuacións coñecidas como técnicas de drenaxe urbano sustentable (TDUS), pois axudan a conseguir un réxime hidrolóxico máis natural dentro das zonas urbanizadas, ao tempo que ofrecen beneficios estéticos e xogan un papel destacado na mellora da calidade visual dos espazos urbanos.

Unha das máximas para o Goberno galego é asegurar o maior respecto e a menor incidencia posible sobre a paisaxe , polo que se desenvolven unhas especificacións da lexislación urbanística a respecto das construcións en solo rústico, relativas a súa composición, volumetría e características das edificacións (cubertas, carpintería e cerramentos) para as que se toman como referencia a Guía de Cor e Materiais de Galicia e a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados, xa presentadas pola Consellería.

Así, nas zonas de solo rústico situadas a menos de 500 metros e visibles desde os Camiños de Santiago, establécense criterios e cautelas para unha adecuada intervención na contorna dun elemento como son os Camiños de Santiago. Ademais establécense directrices para o patrimonio inmaterial, entre as que destaca a elaboración de rexistros e cartografía de toponimia, como elemento fundamental para a interpretación do territorio e indicador do modo en que as persoas percibían e perciben a súa contorna.

Outro asunto destacado dentro das Directrices de Paisaxe, son os miradoiros e puntos de observación, para os que se elaborará unha guía de integración paisaxística dos miradoiros, na que se recolleran os criterios para as intervencións que poidan afectarlles e que o faga compatible ca preservación do valor paisaxístico que comportan as vistas panorámicas destes. A modo de exemplo, establécese como norma manter a tipografía e xeomorfoloxía da contorna, evitando terrapléns ou recheos na fronte, ao tempo que se recomenda integrar o inventario de miradoiros na estratexia turística da Comunidade.

Na elaboración das Directrices da Paisaxe de Galicia fíxose un importante esforzo para que toda a cidadanía puidese participar e se tiveron en conta as achegas realizadas no proceso de elaboración do documento de todos os axentes implicados na protección, ordenación e xestión da paisaxe. Por ese motivo foron tratadas con todos os departamentos autonómicos para non interferir co establecido na súa lexislación sectorial e así mellorar o modo de realizar as actuacións dos distintos departamentos con criterios, cautelas e condiciones de forma.

Data de actualización: 02/10/2019