A Xunta traslada a importancia do rexistro de empresas do sector forestal para asegurar a rastrexabilidade da madeira en Galicia

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou nunha xornada informativa dirixida ao sector

Traballadores de industrias madeireiras da provincia coñeceron o manexo do rexistro de empresas desta rama produtiva e o procedemento da administración electrónica da Xunta que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela
 

Ourense, 03 de outubro de 2019

As instalacións do Servizo de Montes de Ourense acolleron hoxe unha xornada formativa sobre o Rexistro de empresas do sector forestal de Galicia e o procedemento da administración electrónica do Goberno galego que permite a inclusión dos datos de forma rápida e sinxela.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou nesta reunión formativa e destacou que “o obxectivo deste rexistro é asegurar a rastrexabilidade do produto en toda a cadea de subministración”. A representante do Goberno galego incidiu na importancia ambiental e económica do sector forestal en Galicia e subliñou a necesidade de garantir a calidade da súa produción. “O monte nunha provincia como a ourensá é fundamental polo que hai que apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais xa que , entre outras cousas, representa actividade empresarial e postos de traballo que contribúe á fixación da poboación no medio rural” explicou Marisol Díaz.

O encontro foi organizado pola Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, en colaboración coa Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga), e contou coa participación de traballadores de distintas empresas do ramo.

No devandito rexistro están inscritas as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto as que realizan traballos forestais nos montes galegos como aquelas con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais.

As entidades inscritas deben cumprimentar unha comunicación anual de datos que deixe constancia da súa actividade –cortas, compras ou vendas, entre outros– mediante un procedemento electrónico a través da páxina web da Xunta de Galicia.

O obxectivo deste rexistro é evitar a comercialización de madeira de orixe ilegal e asegurar a rastrexabilidade do produto en toda a cadea de subministración.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019