O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa, respondeu hoxe a unha pregunta no Parlamento de Galicia
Galicia é a Comunidade que mellor financia os servizos de asistencia persoal para persoas con discapacidade

Achéganse ata 1700 euros ao mes para financiar este tipo de atención

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019.- O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa, informou aos grupos parlamentarios de que a Xunta de Galicia achega a cantidade máis alta de todas as comunidades para axudar ás persoas con discapacidade ao pagamento dun asistente persoal, en resposta a unha pregunta na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia.

Ildefonso de la Campa sinalou que a Administración Autonómica complementa o importe estipulado polo Goberno central ata os 1700 euros para persoas con discapacidade de grados II e III.

Ademais, o director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade incidiu en que a figura de asistente persoal pode ser contratada a través dunha entidade ou directamente a través dun profesional autónomo, sempre e cando en ambos casos se acredite a formación esixida na normativa vixente.

Nesta liña, asegurou que a axuda para a contratación dun asistente persoal está destinado a facilitar o acceso á educación ou ao traballo, así como a promover unha maior autonomía no día a día.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019