A Xunta prevé que as obras do Centro de Atención á Discapacidade de Ourense comecen no primeiro cuadrimestre de 2020

O orzamento de licitación ascenderá a 8,1 millóns de euros e debido á magnitude da actuación terá que se publicar no Diario Oficial da Unión Europea

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

O director xeral de Maiores e Persoas con discapacidade, Ildefonso de la Campa, informou esta mañá na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia de que a Xunta de Galicia prevé comezar no primeiro cuadrimestre do ano que vén as obras do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense. De la Campa explicou que proximamente se licitará o contrato desta actuación por un importe de 8,1 millóns de euros (6,6 millóns de euros máis o IVE) e que por mor da súa magnitude terá que se publicar no Diario Oficial da Unión Europea.

O director xeral explicou que o CAPD porá á disposición das familias ourensás 110 prazas: 80 residenciais e 30 de centro de día. Tamén deu conta de todo o proceso levado a cabo desde a orixe deste proxecto, desde a cesión dos terreos por parte do Concello ata o concurso de ideas convocado para o deseño do centro, que gañou o estudio de arquitectura Iglesias Veiga.

Cómpre lembrar, ademais, que se modificou o emprazamento inicialmente previsto, de Mariñamansa a Barrocás, e que se aumentou o tamaño do equipamento, ao pasar das 80 prazas inicialmente previstas ás 110 coas que contará finalmente.

Ildefonso de la Campa asegurou que a Administración autonómica está a actuar coa maior celeridade posible para que o centro estea en funcionamento canto antes e poder atender ás familias que demanden este recurso. Ademais, apuntou que neste ano 2019 a Xunta creou máis dun centenar de prazas públicas de atención á discapacidade, que se prevé continuar a aumentar no que queda de lexislatura.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019