Un cento de empresas galegas e portuguesas impulsan a súa internacionalización na semana Contract Galicia

A Consellería, Emprego e Industria organiza esta iniciativa co obxectivo de incrementar as oportunidades de negocio a nivel mundial do sector especializado no equipamento integral de edificios colectivos

A novena edición das xornadas amplía a súa actuación ao norte de Portugal e consolida o evento como punto de encontro entre pemes e prescritores internacionais

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Un total de 97 empresas participan esta semana en Santiago de Compostela na Semana Internacional Contract de Galicia, un encontro que se clausura esta tarde na cidade portuguesa do Porto e que ten por obxectivo seguir mantendo a Galicia como referente internacional no ámbito do equipamento de edificios colectivos. A iniciativa, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria pon en marcha por noveno ano consecutivo, ampliou nesta edición o seu ámbito de acción á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, no marco do programa europeo de apoio á internacionalización Eciici Plus, e contou coa participación da Asociación de Empresarios e empresas de referencia no sector contract do país veciño.

Ademais de facilitar a colaboración entre as pemes galegas e portuguesas e 22 prescritores procedentes de Estados Unidos, Santo Domingo, Colombia, Perú e Holanda, entre outros países, as xornadas permitiron afondar nas oportunidades de negocio que ofrecen os mercados internacionais á industria contract e dar a coñecer os proxectos que neste ámbito desenvolven as compañías galegas.

Con máis de 9000 proxectos realizados en 800 cidades de todo o mundo, o 70% do sector galego está internacionalizado e conta con máis dun cento de empresas que desenvolven a súa actividade en máis de cen países, facturando algunhas delas o 95% da súa produción fóra da Comunidade. Entre os factores que fan posible o éxito na internacionalización desta industria, están a puntualidade dos seus procesos, a coordinación e a cooperación entre as diferentes empresas e a aposta clara pola sustentabilidade. Así, cadeas hoteleiras como Hilton, Four Seasons ou o grupo Marriot, ou firmas do retail como Inditex, Dior, Chanel ou Loewe confían en compañías galegas para o equipamento dos seus establecementos.

Ademais de mesas de debate e relatorios sobre experiencias en internacionalización, a IX Semana Contract incluíu encontros bilaterais e visitas a empresas especializadas no equipamento integral de espazos de uso colectivo, co obxectivo de aproveitar as oportunidades de traballo con multinacionais de diferentes campos, como o hoteleiro, o téxtil, a madeira, a enxeñaría e a construción, favorecendo as relacións comerciais e a xeración de negocio internacional.

Data de actualización: 03/10/2019