A unidade móbil de atención a persoas maiores do programa RedMay está esta semana nas Nogais e percorrerá ata o 8 de novembro outros catro concellos da provincia

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou hoxe a unidade, que ofrece de xeito gratuíto servizos ópticos, de podoloxía e asesoramento evitando que os usuarios teñan que desprazarse

As Nogais (Lugo), 3 de outubro de 2019

A unidade móbil do programa RedMay achega esta semana -desde o luns ata mañá venres- ás persoas maiores das Nogais servizos gratuítos de optimetría, podoloxía e asesoramento en diferentes temas.

Con esta iniciativa, apoiada pola Unión Europea, a Consellería de Política Social facilita que as persoas maiores de 55 anos que viven en zonas rurais poidan beneficiarse destas prestacións sen ter que desprazarse fóra das súas localidades.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe nas Nogais ao equipo de profesionais que prestan os seus servizos na unidade móbil, situada xunto á Casa do Concello. Balseiro apuntou que tras esta primeira parada na provincia de Lugo, percorrerá nas vindeiras semanas outros catro municipios, permanecendo cinco días en cada un -de luns a venres-. Así, a próxima semana estará en Cervantes (7 a 11 de outubro) e a continuación desprazarase a Portomarín (14 a 18 de outubro), Abadín (21 a 25 de outubro) e O Valadouro (4 a 8 de novembro).

Os usuarios terán acceso a servizos ópticos -revisión e gradación da vista-; servizos de podoloxía -prevención, diagnose e tratamento das principais enfermidades dos pés- e tamén información e asesoramento sobre diversas cuestións da vida cotiá, como as relacionadas coas facturas de servizos domésticos ou a eliminación de barreiras arquitectónicas nos fogares.

O proxecto RedMay está a desenvolverse nunha vintena de concellos de Galicia e na rexión norte de Portugal e nel a Xunta ten como socios á Universidade de Vigo e á Cámara Municipal de Braga.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019