'Rosa caramelo' chega na fin de semana a Ribadavia e á Rúa da man do FalaRedes

Inspirada nos contos de Adela Turín e da man de Talía Teatro pódese gozar durante o outono en 15 localidades da Rede de Dinamización Lingüística

Dirixida ao público familiar, afonda nos roles e nos estereotipos de xénero para desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes e dinamizar o galego na familia

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

Rosa caramelo e outras historias chega durante a fin de semana aos concellos ourensáns de Ribadavia (ao auditorio da Casa da Cultura, ás 18,00 horas) e da Rúa (ao Centro Cultural Avenida, ás 17,00 horas) da man do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2019.

Inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero, e da man da coñecida compañía galega Talía Teatro, poderase gozar durante o outono noutras 13 localidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia: Vilamarín, Bueu, Ordes, Laxe, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Viana do Bolo, Negreira, Lalín, Trazo, Burela, O Porriño e Vilagarcía de Arousa.

A proposta teatral está dirixida ao público familiar con nenos dos catro aos oito anos e combina a palabra coa música en directo. Afonda nos roles e nos estereotipos de xénero para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres e dinamizar o uso da lingua galega na familia. Interpretada por Artur Trillo e Fernando Fraga baixo a dirección de Paula Carballeira, Rosa caramelo e outras historias conta a historia da elefanta Margarida –a única do grupo que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo– e tamén as de Os bonobos con lentes, Unha feliz catástrofe e Artur e Clementina.

Coma sempre nos programas de dinamización lingüística que promove a Consellería de Cultura e Turismo en concellos da RDL, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019