O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, clausurou o encontro que tivo lugar no Edificio Cersia en Santiago de Compostela
Política Social participa nunhas xornadas informativas sobre os beneficios da dieta atlántica para un envellecemento saudable

Celebráronse diferentes mesas redondas sobre a alimentación sénior e o Clúster alimentario de Galicia presentou unha guía de criterios de produtos adaptados para as persoas maiores

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2019

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe a importancia da dieta e do estado nutricional na saúde e benestar das persoas maiores. Díxoo durante a clausura dunha xornada informativa sobre o proxecto Nutriage para a promoción do envellecemento saudable a través da nutrición e a dieta atlántica, que tivo lugar no Edificio Cersia Empresa.

Ildefonso de la Campa sinalou que a cultura culinaria de Galicia ten un valor de identidade coñecido de maneira xeneralizada, pero que é necesario difundir tamén o seu valor nutricional, que contribúe a garantir unha vellez satisfactoria e saudable. Neste sentido, apuntou que encontros como este permiten avanzar na estandarización dun sistema de avaliación do estado nutricional da poboación maior.

Na xornada celebráronse diferentes mesas redondas sobre a dieta atlántica e a alimentación sénior, e o Clúster alimentario de Galicia presentou unha guía de criterios de produtos adaptados para as persoas maiores.

Iniciativa europea

O proxecto Nutriage lévase a cabo no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo principal é o deseño de estratexias nutricionais personalizadas fundamentadas na alimentación tradicional atlántica e o desenvolvemento de novos produtos alimenticios que optimicen o estado nutricional das persoas maiores.

Ademais da Xunta, as entidades de Galicia que participan neste proxecto son: a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis), a Asociación Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos–Centro Técnico Nacional de Conservación de Productos de la Pesca (Anfaco-Cecopesca). E por parte de Portugal: a Universidade Católica Portuguesa-Centro Rexional de Oporto, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, a Santa Casa da Misericórdia de Oporto y a Associação Integralar (Portugal Foods).

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/10/2019